As Pontes acolle este fin de semana o Galego de Inverno de Waterpolo na categoría alevín

TerraChaXa
O sábado disputarase a fase de grupos, con encontros entre as 10.30 e as 13.30 horas. Pola tarde, a competición retomarase ás 16.15 horas.
campeonato-galego-alevin-waterpolo
21 Feb 2026

As Pontes será escenario esta fin de semana do Campionato Galego de Inverno de Waterpolo, na categoría alevín mixta. A proba, que se disputará na piscina municipal das Pontes, foi presentada pola concelleira de Deportes, Elena López, e polo presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión.

A convocatoria reunirá nove equipos e preto de 140 xogadores e xogadoras procedentes do CW Pontevedra Gafos, CW Pontevedra Lérez, CW As Mariñas, CW Coruña Rías Altas, Real Club Náutico de Vigo, Asociación Coruñesa de Waterpolo, CW Santiago Masculino, CW Santiago Feminino e Club Marina Ferrol.

Elena López agradeceu á federación autonómica a confianza depositada, unha vez máis, en As Pontes para albergar unha cita destacada do calendario de inverno da FGN, que contribúe a situar o municipio no mapa desta disciplina deportiva.

A edil sinalou que eventos destas características permiten que, ao longo da fin de semana, As Pontes reciba a deportistas e familiares, xerando dinamismo na vila. Ao tempo, destacou que este tipo de competicións axudan a recuperar o protagonismo histórico do concello no ámbito da natación, lembrando o relevante papel desempeñado no seu día polo CN As Pontes, actualmente desaparecido, e poñendo en valor o labor que desenvolven hoxe entidades como o Clube Trieume.

Neste sentido, López subliñou que é unha honra acoller competicións desta categoría, especialmente pola espectacularidade do waterpolo e pola proximidade entre as bancadas e o vaso da piscina, que permite vivir os encontros con especial intensidade.

A concelleira convidou á veciñanza a achegarse á piscina municipal tanto o sábado como o domingo para desfrutar do mellor waterpolo base de Galicia, facendo un chamamento especial á mocidade para que se anime a coñecer e practicar esta modalidade.

Pola súa banda, Juan Carlos Brión cualificou As Pontes como un referente do waterpolo autonómico, non só polas súas instalacións deportivas, senón tamén polo respaldo, as facilidades e a colaboración que atopan cada vez que a federación escolle a vila como sede dun evento destas características.

O presidente da FGN sumouse á invitación da concelleira e animou á cidadanía de todas as idades a participar e gozar desta importante cita do calendario autonómico.

Horarios da competición

O sábado disputarase a fase de grupos, con encontros entre as 10.30 e as 13.30 horas. Pola tarde, a competición retomarase ás 16.15 horas.

O domingo celebraranse as eliminatorias, que comezarán ás 10.00 horas. A partir das 15.45 horas xogaranse as semifinais e a final, e a entrega de premios está prevista para as 18.15 horas.

0.078543186187744