As Pontes acolle este mes o I Torneo de Tenis

TerraChaXa
Unha cita deportiva que se celebrará nas pistas do Club Tenis As Pontes os días 19, 20, 21 e 26, 27 e 28 para todas as categorías
torneo-de-tenis-as-ponts
10 Sep 2025

O Concello das Pontes acollerá este mes de setembro a primeira edición do Torneo de Tenis, unha cita deportiva que se celebrará nas pistas do Club Tenis As Pontes os días 19, 20, 21 e 26, 27 e 28 de setembro.

A competición, organizada polo Club Tenis As Pontes, contará con diferentes categorías que van dende benxamín, alevín, infantil e cadete, tanto federados como non federados, ata as categorías +35, +40 e +55 en masculino e feminino, ademais das modalidades absoluta e dobres. Establécense mínimos de xogadores para garantir o desenvolvemento dalgunhas categorías e cada participante poderá inscribirse como máximo en dúas.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de setembro e o sorteo do cadro realizarase o día 17 nas pistas de tenis de Canal IV. A competición dará comezo o día 19 e estenderase ata o 28 de setembro. Os partidos xogaranse en dúas pistas de cemento rápido do Club Tenis As Pontes, con bolas oficiais Head, podendo disputarse tanto con luz natural como artificial.

A inscrición poderá realizarse a través de correo electrónico ou nas plataformas habilitadas, cun custo de 10 euros para categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, 15 euros para categorías absolutas e veteranos e 20 euros por parella no torneo de dobres. Os xogadores e xogadoras do Club Tenis As Pontes beneficiaranse dun desconto do 50 % na cota de inscrición.

O torneo rexerase polo regulamento da Real Federación Española de Tenis e entregarase trofeo ao campión e subcampión de cada categoría. O xuíz árbitro será Paulino Fernández Seoane, quen terá a potestade de resolver calquera cuestión que se poida suscitar durante a competición.

⚙ Configurar cookies
0.16284203529358