As Pontes acolle este sábado a IV Clásica Vila de As Pontes

TerraChaXa
O parque pechado instalarase na rúa Alexandre Bóveda, no patio do colexio Santa María
clasica-vila-das-pontes
27 Aug 2025

O Automóbil Club As Pontes organiza este sábado 30 de agosto a IV Clásica Vila de As Pontes, unha proba de regularidade destinada a vehículos históricos con máis de 25 anos de antigüidade. O evento, de carácter non deportivo, discorrerá por estradas abertas ao tráfico e cunha velocidade media sempre inferior aos 50 km/h, percorrendo distintos puntos do concello das Pontes e tamén do das Somozas.

O parque pechado instalarase na rúa Alexandre Bóveda, no patio do colexio Santa María, onde se procederá á entrega da documentación aos participantes. O primeiro coche tomará a saída ás 15:30 horas, dando paso ao resto con intervalos dun minuto. A chegada do primeiro vehículo está prevista arredor das 21:00 horas no restaurante Pena da Revolta, onde terá lugar unha cea de confraternidade e a correspondente entrega de trofeos e agasallos.

O percorrido constará de 155 quilómetros, dos que 124 estarán repartidos en oito tramos cronometrados, mentres que os restantes corresponderán a tramos de enlace. Establécense tres categorías segundo o equipamento de medición empregado: vehículos sen aparatos adicionais (Clase 1), con dispositivos básicos (Clase 2) e con aparellos programables como tablets ou smartphones (Clase 3).

No cadro de premios contemplaranse galardóns para os tres primeiros clasificados de cada categoría, ademais dun recoñecemento especial ao mellor equipo feminino, ao mellor equipo local –composto integramente por participantes das Pontes– e ao primeiro inscrito oficialmente na proba.

⚙ Configurar cookies
0.1777229309082