As Pontes acolle o Campionato Galego por equipos Optimist
O concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás, asistiu esta semana á presentación, no lago das Pontes, do Campionato Galego por equipos de Optimist, organizado polo Club de Vela Fluvial As Pontes en colaboración coa Real Federación Galega de Vela e a administración local.
Durante o acto de presentación, no que tamén estiveron presentes o presidente do CVF As Pontes, Miguel Ferreiro, os adestradores do club local, Nano de Andrés; do Náutico Ría de Ares, Natalia Gil;, e do RCN A Coruña, David Conde,Chicho Tembrás interesouse polo sistema de competición que se emprega neste tipo de regatas e puxo en valor a presencia dos máis destacados clubs e regatistas galegos da clase optimist na regata que se disputará no lago pontés.
Asi mesmo, o concelleiro destacou o gran traballo que ben realizando o Club de Vela Fluvial As Pontes para a promoción do deporte da vela na localidade e na súa contorna, ademáis da potenciación que o club fai para o posicionamento do lago como entorno estratéxico para a práctica do deporte da vela en Galicia e dos deportes acuáticos en xeral.
Por último agradeceu a absoluta colaboración e implicación da Real Federación Galega de Vela en todas as competicións que no lago se organizan e aproveitou para saudar e desexar a mellor das sortes aos regatistas que durante a fin de semana adestraron no lago, de cara á competición.
Pola súa banda o presidente do CVF As Pontes agradeceu o apoio do Concello das Pontes, Deputación da Coruña e da Real Federación Galega de Vela, das entidades privadas pontesas e, especialmente, a colaboración dos socios e socias do club para poder levar a cabo un evento de estas características.
A proba disputarase os días 11 e 12 de xuño e contará coa participación de 60 regatistas, distribuidos nun total de 15 equipos de 4 regatistas. Miguel Ferreiro confirmou a participación de equipos dos clubes Náutico Ría de Ares, RCN A Coruña, Marina Coruña, RCN Rodeira de Cangas, RCN Vigo, RCN Sanxenxo, Club Marítimo Canido (Vigo), e CN Riveira.