As Pontes acolle o campionato galego de salvamento e socorrismo en augas pechadas

TerraChaXa
A piscina municipal das Pontes acollerá durante esta fin de semana o campionato galego de salvamento e socorrismo en augas pechadas.
CAMPAMENTO GALEGO DE INVERNO SALVAMENTO SOCORRISMO AS PONTES PORTADA
23 Feb 2023

A piscina municipal das Pontes acollerá durante esta fin de semana o campionato galego, nas categorías alevín, infantil, xuvenil e cadete, de salvamento e socorrismo en augas pechadas, organizado pola Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia en colaboración co Concello das Pontes.

Durante o sábado e o domingo, preto de 200 deportistas procedentes dos mellores clubs de Galicia, entre os que se atopan o Club Salvamento Acuático Laracha, Club Natación y Salvamento A Estrada, Club Salvamento Arteixo, Club Salvamento Vilagarcía, Club Acuático Umia ou o Club Natación Cerceda, competirán en probas como 200 metros obstáculos, 100 metros arrastre maniquí, lanzamento de corda ou 100 metros socorrista co obxectivo de acadar o maior número de puntos en cada unha delas e alzarse cos títulos do campionato galego.

A cita dará comezo o sábado, 25 de febreiro, ás 10:00 horas coa probas de natación con obstáculos, tanto da categoría infantil como alevín, para a continuación, dar paso á proba de 100 metros socorrista e á proba de relevos 4X50m de natación con aletas e socorrista mixto.

Na queda da tarde, a competición comezará ás 16:30 horas, coas probas de remolque de maniquí con aletas, o relevo combinado 4X50m, o remolque con maniquí e os relevos 4x12,5m e 4x25m de remolque con maniquí. A xornada finalizará ás 20:00 horas coa entrega de trofeos e medallas.

O campionato continuará o domingo, co campionato galego das categorías cadete e xuvenil. A xornada arrancará ás 09:30 horas, coas probas de natación con obstáculos, continuará co lanzamento de corda e rematará coas probas de remolque de maniquí con aletas e os relevos 4x25m e 4x50m de remolque con maniquí e natación con aletas. A proba de 50 metros remolque de maniquí será a ultima proba da xornada tras a que se procederá a entrega de premios.

Desde o Concello convídase a toda a veciñanza a achegarse esta fin de semana á piscina municipal para gozar de dúas magníficas xornadas deportivas e das promesas dun deporte espectacular, aínda que pouco coñecido, remarcando a importancia que este tipo de eventos ten para a vila.

“Para nós é un orgullo albergar este tipo de eventos. Desde hai moitos anos procuramos promover e tratar de organizar eventos deportivos que poñan ao municipio no mapa e sexan punteiros, non só desde o punto deportivo senón tamén desde o punto do vista da promoción turística e económica. A nosa vontade é continuar na mesma liña” apunta o concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás.

Así mesmo, o concelleiro recordou que durante a xornada do sábado a piscina e o ximnasio permanecerán pechados para o uso xeral, quedado só aberta a instalación deportiva municipal para a competición e pediu desculpas ás persoas usuarias polas molestias que este peche puidese ocasionar.

CAMPAMENTO GALEGO DE INVERNO SALVAMENTO SOCORRISMO AS PONTES
0.10780310630798