As Pontes acolle o domingo o Campionato Galego de Natación en Augas Abertas

TerraChaXa
Esta primeira proba do circuíto autonómico botará a andar ás 10.00 da mañá co circuíto Máster
Campionato-Augas-Abertas-presentacion
Presentación da proba
24 Maio 2024

O lago de As Pontes albergará o domingo a proba inaugural do VIII Campionato Galego de Natación en Augas Abertas Xunta de Galicia – Denominación de Orixe Protexida Arzúa Ulloa.

A concelleira de Deportes, Elena López, xunto co presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, presentaron hoxe no propio lago pontés unha cita que congregará a 207 participantes procedentes de toda a xeografía galega.

A edil de Deportes quixo agradecer á federación autonómica a súa confianza na vila pontesa como escenario para un acontecemento desta relevancia. Segundo apuntou, “esta cita supón a consolidación do lago coma o escenario ideal para probas de gran envergadura tanto a nivel autonómico como nacional”. E é que, tal e como subliñou, este tipo de propostas axudan a facer das Pontes unha situación excepcional para competicións deportivas de todo tipo, un destino idóneo para calquera deporte e para un turismo de natureza, sostible e que cada vez gaña máis adeptos.

López aproveitou para convidar á veciñanza a desfrutar desta interesante proposta e na que tamén participarán nadadores e nadadoras locais. A esta invitación se sumou Juan Carlos Brión. O presidente da Federación Galega de Natación fixo un chamamento á veciñanza para que o domingo se achegue ata o lago coa fin de descubrir unha proba espectacular e que contará cun circuíto de algo máis dun quilómetro e no que participarán nadadores e nadadoras en categoría Máster, Sénior, Júnior, Infantil e Alevín, que percorrerán distancias que van dos 1250 aos 5.000 metros da proba absoluta.

Brión agradeceu a implicación do cabildo pontés e gabou as características do lago das Pontes como escenario deportivo, un espazo que, ao seu xuízo, “é ideal para este tipo de eventos e que se sae dos emprazamentos habituais para probas desta envergadura”.

Neste senso, o máximo dirixente da federación autonómica deu conta da boa relación entre concello e federación, que xa arrincaba o pasado ano con probas tan novidosas coma o Campionato Galego de Waterpolo ou o Campionato Galego de Salvamento que xa tiveron As Pontes como escenario.

Horario da Competición

Esta primeira proba do circuíto autonómico botará a andar ás 10.00 da mañá co circuíto Máster, con 2.500 metros de distancia. Xa ás 11.30 arrincará a proba de Júnior 1 e 2, Sénior e Infantil con 5.000 metros e, finalmente, para as 13.00 horas está marcada a carreira Alevín de 1.250 metros. As entregas de trofeos de cada categoría celebraranse ao remate de cada unha das probas.

0.18655800819397