As Pontes acolle o sábado unha obra de teatro sobre a construción do dique de Ferrol
O sábado, 16 de novembro, ás 20:00 horas, o Auditorio Municipal Cine Alovi das Pontes acollerá Dique, a nova produción da compañía Nova Galega de Danza, unha homenaxe ás mulleres traballadoras que participaron na construción do Dique de Campá de Ferrol no século XIX.
Entre 1874 e 1879, un total de 200 mulleres, coñecidas como As Estivadoras, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras do lugar da obra, transportando cada unha 58.000 cestos nas súas cabezas. A pesar de realizaren o mesmo traballo ca os homes, recibían un salario inferior. Agora, no 150 aniversario do inicio desta gran obra de enxeñería, Nova Galega de Danza, en colaboración coa directora de escena Marta Pazos, rende tributo a estas mulleres esquecidas pola historia.
Dique combina danza contemporánea e danza tradicional galega para ofrecer unha reflexión visual e emocional sobre a conexión entre o pasado e o presente. A escenografía xoga con cores, texturas e contrastes para crear unha experiencia sensorial que honra a valentía e a forza das mulleres do Dique.
O espectáculo forma parte do convenio de colaboración entre Agadic e o Concello das Pontes, dentro da programación da rede de teatros e auditorios.
As entradas están dispoñibles en liña en aspontes.sacatuentrada.es.