As Pontes acolle o seu primeiro curso de verán da UIMP

TerraChaXa
As Pontes acollerá, por primeira vez, durante os días 30 e 31 de xullo, na Casa Dopeso, un curso de verán organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo.
image001
12 Xul 2018

As Pontes acollerá, por primeira vez, durante os días 30 e 31 de xullo, na Casa Dopeso, un curso de verán organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo.

Baixo o título El medioambiente en Galicia: Retos de futuro a UIMP organiza, en colaboración co Concello dAs Pontes, unha acción formativa que ten como obxectivo mellorar, actualizar e axeitar a formación dos técnicos medio ambientais ás esixencias que demanda a sociedade actual para, deste xeito, contribuír, de forma activa, na mellora da xestión ambiental e, por extensión, nas condicións de vida da cidadanía.

Desde o Concello das Pontes, incídese na importancia destas xornadas formativas, que durante dous días converterán á vila nun lugar de encontro dos profesionais do sector e nun referente da xestión medioambiental en Galicia.

“A protección ambiental é, hoxe, un dos grandes obxectivos da sociedade. Administracións, organizacións, empresas, debemos velar pola mellora da contorna, da calidade de vida, da saúde da poboación. Estamos ante un grande reto e, cursos como o que acollerá a nosa vila nas vindeiras semanas permítennos avanzar cara o desenvolvemento sostible na nosa comunidade e facer fronte ós retos do futuro” remarcan membros do goberno local.

Desde un enfoque multidisciplinar, abordaranse, entre outras cuestións, temas relacionados coa saúde medioambiental do planeta, a investigación e a educación ambiental como pezas claves nas políticas ambientais de carácter preventivo, a minería sostible e o exemplo de recuperación e rehabilitación medioambiental da mina das Pontes, a xestión sostible de refugallos, a estratexia galega fronte ó cambio climático ou necesidade dun establecer un modelo enerxético sostible baseado na economía circular.

Esta acción formativa, dirixida por Francisco Peña Castiñeira, experto medioambiental e fundador Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles (2000-2020) contará cunha ampla lista de poñentes entre os que se atopan José Antonio Menéndez, director facultativo da Mina das Pontes; Francisco Díaz-Fierros, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela; Francisco Xavier Labandeira, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e membro do Panel intergubernamental de expertos en cambio climático; María Luz Macho, subdirectora xeral de Meteroroloxía e Cambio Climático da Xunta de Galicia; Javier Domínguez; presidente de Sogama; Priscila Artiga, técnica de Aguas Residuais de Espina & Delfín S.L ou Sergio Horacio Quiroga, director de I+D y Producción de Ecocelta. Poñentes que porán á disposición de todos os asistentes os seus coñecementos e experiencia sobre o mundo da xestión medioambiental.

Este curso, orientado a técnicos medio ambientais, profesionais do sector, xestores empresariais que desenvolven a súa actividade nas áreas de calidade, medio ambiente ou prevención de riscos ambientais, axentes de conservación da natureza, docentes e alumnos universitarios e de ciclos formativos afíns, ten unha duración de 12 horas e o seu prezo é de 40 euros (20% de desconto para alumnos universitarios) O número de prazas é limitado polo que é preciso inscribirse.

Para máis información e matriculación, os interesados poden contactar coa Secretaría de Alumnos de la UIMP no número de teléfono 981 140 830 ou no enderezo electrónico  galiciasa@uimp.es

0.062937021255493