As Pontes acolle o venres unha nova obra de teatro da Rede Galega
A Xunta ofrece ata xuño 50 actuacións teatrais na área de Ferrolterra a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, das que nas Pontes terán lugar 3. A programación deste circuíto cultural, que deu comezo o día 5 de febreiro coa obra A Lúa vai encuberta, terá a súa continuación o 4 de marzo, no Cine Alovi, ás 21.00 horas, con As que limpan, espectáculo a cargo da compañía A Panadaría.
Un cartel pendurado no manubrio da habitación. “Por favor, arranxe o cuarto”. Ao regreso da praia, as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Son As que limpan, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador.
As que limpan, fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes.
Trátase da obra de Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman e Paula Carballeira coa participación artística de Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman.
O ciclo chegará ao final con Pinocchio o día 23 de abril, ás 18.00 horas, tamén no Cine Alovi, un traballo de teatro infantil a cargo de Ghazafelhos.