As Pontes acolle o VI Encontro de Mulleres adictas

TerraChaXa
As Pontes acolle o VI Encontro Nacional, nun formato híbrido presencial e online, de Mulleres Adictas en Rehabilitación.
encontro mulleres adictas as pontes
3 Xul 2021

As Pontes acollerá os días 2 e 3 de xullo o VI Encontro Nacional, nun formato híbrido presencial e online, de Mulleres Adictas en Rehabilitación, organizado pola Confederación de Alcohólicos, Adictos en Rehabilitación e Familiares de España (Caarfe), a Federación de Alcohólicos en Reahabilitación de Galicia (Farga) e a asociación local Adiante, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello das Pontes.

Tania Pardo, responsable da área de Benestar, durante a presentación deste encontro resaltou a importancia do mesmo ao abordar as adicións desde a perspectiva de xénero, “un elemento clave para poder deseñar e poñer en marcha accións de prevención e asistencia nas adicións que superen o modelo tradicional de roles masculino e feminino. É preciso que o patrón de condutas das mulleres adictas deixe de compararse co dos homes e se teña en conta que as súas motivacións, os efectos que padecen e as súas dificultades para superar as adicións son diferentes. É urxente replantarse os servizos dirixidos a elas para que conquiran a súa plena rehabilitación”

Pola súa banda, Ángel Jiménez Martí, presidente de Caarfe, celebrou poder reunirse en persoa. “Foi un ano moi complicado e todo un reto que as asociacións de Caarfe tiveron que afrontar para poder seguir coa atención e a axuda que prestamos. As asociacións de toda España souberon adaptarse á situación convertendo as terapias de grupo en terapias online para poder axudar o mantemento da abstinencia. O encontro de mulleres é unha volta á normalidade que desexamos poida ser total en octubre, na celebración da nosa Convención Nacional”

Tras a apertura oficial, o encontro continuará cunha conferencia, ás 17:30 horas, a cargo de Víctor Meizoso, coordinador de programas da asociación pontesa de ex-alcohólicos Adiante sobre as adicións desde a perspectiva de xénero. Despois será a quenda para Verónica Marcos Rojo, presidenta de Fademur, quen abordará a situación da muller no ámbito rural, as súas dificultades e necesidades e o papel da soidade e o abandono dos emprazamentos rurais como factores de risco para a aparición de adicións.

O sábado a xornada comezará cunha conferencia a cargo de Maca Rego, directora e psicóloga do Centro de Información á Muller do Concello das Pontes que falará sobre a farmacoloxía e as emocións, afondando nas cuestións que levan á poboación feminina ao consumo de fármacos para controlar e domar os seus sentimentos, tanto positivos coma negativos.

Despois será a quenda para Francisco Pascual Pastor, Médico da Unidade de Condutas Adictivas (Alcoy) cunha conferencia sobre o trastorno do espectro alcólico fetal, os seus signos e síntomas, a súa tipoloxía, a diagnose, tratamento e consecuencias.

Ao término, celebrarase unha mesa de traballo sobre as relacións familiares na adición e o modo de reconstruílas que contará coa participación de catros mulleres de diferentes asociacións de ex-alcólicos nacionais e que estará coordinada pola psicóloga Cristina Pardos

Tras a pausa para o xantar, a xornada retomarase ás 16:00 horas cunha conferencia sobre as consecuencias psicosociais das adicións nas mulleres, a cargo de Alejandro Olalla Borrás, derivadas da desigualdade na definición cultural do papel do home e a muller na sociedade, baseada nos estereotipos de xénero.

A xornada rematará con dos obradoiros técnicos, un sobre autoestima, música e movemento e outro sobre sexualidade na muller.

O encontro poderá seguirse a través do enlace https://mujerescaarfe2021.onsitevents.com

0.09449291229248