As Pontes acolle un curso para mulleres de competencias dixitais
Máis dunha vintena de mulleres das Pontes participan, desde o venres, nun curso de capacitación básica dixital, que ten como obxectivos prioritarios mellorar a súa empregabilidade, favorecer a súa inserción laboral así como emprendemento, reducindo a fenda de xénero e a dixital.
Esta formación, financiada pola Unión Europea, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia ofrecerá ás mulleres participantes unha oportunidade para formarse, avanzar e mellorar o seu currículum de cara a un mercado laboral no que a dixitalización é unha obriga.
Así, a formación,organízase arredor dun itinerario formativo deseñado para ir avanzando desde un nivel básico de competencias dixitais ata un nivel máis avanzado, a través de tres módulos de formación, de 40 horas de duración cada un deles, que se completará cun módulo transversal sobre igualdade de oportunidades.
A través deste programa traballaranse as competencias dixitais recollidas do Marco Europeo de Competencias Dixitais para a Cidadanía (DigComp) entre as que destacan a navegación, a procura e filtrado de información, a interacción a través da tecnoloxía ou a protección dos dispositivos”
Todas as mulleres que están realizando esta formación, con carácter gratuíto, recibirán ao remate un título oficial acreditativo e, unha vez finalizada a formación recibirán como agasallo a tablet que lles foi facilitada para a realización do curso.