As Pontes acolle un encontro da Rede pola Igualdade para falar de violencias sexuais
O Concello das Pontes, ao abeiro da programación deseñada con motivo do Día Internacional contra a violencia contra as mulleres, organiza un encontro da Rede pola Igualdade, aberto a toda a cidadanía, para dar a coñecer en que consisten as violencias sexuais, así como os programas e recursos impulsados dende a Administración Pública e dende diversas entidades para a súa prevención, detección e intervención.
A Concelleira de Igualdade, Tania Pardo sinala a importancia deste encontro xa que “as violencias sexuais constitúen unha tipoloxía específica de violencias sufridas polas mulleres ao respecto das que cómpre afondar na formación e concienciación, pois seguen predominando ideas ao redor da culpabilización da vítima”.
A xornada, que terá lugar o mércores 30 de novembro ás 18:00h, de forma presencial na Casa Dopeso (rúa Rosalía de Castro, 28) contará coa intervención de José María Bastida Fernández, compoñente do equipo VIOGEN da Garda Civil de Ferrol, María Isabel Álvarez García, xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación de Goberno Central na provincia da Coruña e Xema Cabana Ferro, directora técnica da Fundación Meniños.
REDE POLA IGUALDADE DAS PONTES
No mes de setembro celebrouse o primeiro encontro da Rede pola Igualdade das Pontes, no que asistiron representantes de diferentes entidades do tecido asociativo do municipio e no que se presentou a proposta de creación desta rede, concibida como un espazo de reflexión e debate cidadá, de formulación de ideas e de aproveitamento de sinerxías por parte das entidades que a forman.
Trátase dun espazo que se debuxa como unha ferramenta cun alto potencial para fortalecer a colaboración e cooperación entre diferentes entidades, así como desenvolver actividades en materia de igualdade afondando na formación e concienciación cidadá neste eido.