As Pontes acolle unha traxicomedia sobre o confinamento
ButacaZero levará esta fin de semana o seu novo espectáculo, 32m2, ao Auditorio Municipal Cine Alovi de As Pontes de García Rodríguez o venres 30 a partir das 20.30 horas. A plataforma creativa dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira propón, a través dunha peza de teatro absurdo, unha viaxe cara un pasado recente “á fin de provocar unha catarse colectiva ante un acontecemento que marcou, e marcará, a vida da sociedade”: o encerro da pasada primavera.
A peza, que conta cunha banda sonora orixinal creada polo músico Rodrigo Cuevas, nace coa vontade de ofrecer unha ollada singular, reflexiva e “sandadora” sobre o confinamento. A través de elementos cómicos e tráxicos, 32m2 pon o foco sobre a convivencia habitual da sociedade coa precariedade e as desigualdades a través da mirada de Mar e Xan (Nuria Gullón e Xurxo Cortázar) unha parella que se considera “antisistema” e que habita con tranquilidade nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados ata que, de súpeto, un día confinan a toda a poboación e o país se transforma nunha HiberNación.