As Pontes acolle unhas xornadas informativas sobre consumo responsable
O Concello das Pontes, a través da Concellería de Organización Interna e Medios Locais, vai poñer en marcha, a vindeira semana, unhas xornadas informativas para promover o consumo responsable entre a veciñanza.
Unha iniciativa a través da que o goberno local busca ofrecer á veciñanza información de utilidade para aprender a mercar dun xeito responsable, aprender a tomar decisións de forma consciente nun mercado ateigado de produtos e servizos.
Lorena Tenreiro, concelleira responsable da iniciativa, apunta que “con estas xornadas queremos ofrecer recursos para mercar dun xeito responsable, para que os veciños e veciñas pensen, no momento da compra, que é prescindible e que non o é, cales son as súas dispoñibilidades económicas reais para despois escoller os produtos ou servizos, non só polo seu prezo ou calidade senón tamén por outros valores asociados ao medio ambiente, á solidariedade ou a igualdade”.
A xornadas comezará o vindeiro mércores, 9 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa Dopeso, cunha charla de presentación na que se ofrecerán algunhas chaves para aprender a ler a publicidade presente nos medios de comunicación e nos soporte dixitais, entre outras, cuestións.
Continuarán o xoves, 10 de novembro, no mesmo horario e emprazamento, cunha charla sobre neurociencia na que o público asistente poderá coñecer como actúa a mente no supermercado e o tipo de decisións de compra que existen.
Xa a seguinte semana, o martes, 15 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa Dopeso haberá unha charla sobre consumo dixital no que as persoas participantes poderán adquirir nocións básicas para mercar online de xeito seguro e responsable e tamén recibirán información sobre o mercado dos produtos falsificados e as súas consecuencias no consumo.
Finalmente, os días 16 e 17 de novembro, a partir das 20:30 horas haberá dúas charlas dirixidas aos/ as comerciantes locais sobre técnicas publicitarias e non tan publicitarias para vender mellor e promover o consumo responsable desde o comercio de proximidade.
Desde o Concello, Lorena Tenreiro, anima á veciñanza e ao sector comercial local a participar nestas xornadas “o mercado de consumo mudou. Agora existen múltiples invitacións ao consumo, chégannos centos de mensaxes publicitarias persuasivas que nos leva a realizar compras por impulso e a consumir moito máis do que precisamos. Non é preciso deixar de mercar, o consumo é necesario para nós e para a economía, pero temos que consumir, e tamén vender, con responsabilidade, de forma consciente e crítica”.