As Pontes acollerá a fase final do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de Fútbol Sala
A Real Federación Galega de Fútbol presentou a fase previa do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de fútbol sala, que terá lugar o próximo 6 de decembro en varios enclaves da zona de Ferrolterra, como son o polideportivo da Malata (Ferrol) e os pavillóns municipais da Gándara e Campo dá Serra (Narón), e que finalizará nas Pontes coa fase final.
Na cita, que se celebra por segundo ano en Ferrolterra durante toda a xornada, participarán preto de 300 persoas, entre técnicos e deportistas de diferentes categorías de base (infantil masculino e feminino, alevín masculino e feminino, e benxamín mixto). A proba será clasificatoria para a fase final, que tamén terá lugar na área territorial, concretamente nas Pontes o próximo 23 de decembro.
Na presentación púxose en valor o auxe que está a vivir o deporte federado e escolar en Galicia e destacouse o apoio do Goberno galego ás distintas federacións deportivas, entre elas á Real Federación Galega de Fútbol, para o desenvolvemento da súa actividade deportiva federada. Ademais, destacaron as cifras históricas conseguidas polo programa Xogade, que aglutina toda a oferta deportiva escolar e federada para os mozos de entre 6 e 16 anos e as licenzas das federacións deportivas, que finalizou a pasada campaña con preto de 148.000 nenos e nenas participantes, "o que representa o 60 % de todos os galegos e galegas escolarizados nas idades de entre 6 e 16 anos".