As Pontes acollerá a fase previa do Campionato Galego de fútbol sala benxamín e prebenxamín

O Concello das Pontes acolle este domingo a fase previa do Campionato Galego de Fútbol Sala nas categorías benxamín e prebenxamín.
A cita conta coa organización do club local Lago Sport, a Federación Galega de Fútbol e a colaboración do Concello das Pontes, mediante o departamento municipal de Deportes.
Precisamente, o alcalde pontés, Valentín González Formoso; xunto co delegado da Federación Galega de Fútbol, Abraham Yáñez; e a presidenta do Lago Sport, Cristina Maceira Franqueiro, presentaron hoxe, na Casa do Concello, unha convocatoria na que se agarda unha participación de preto de 150 xogadores benxamíns e prebenxamíns de oito clubs das provincias da Coruña e Lugo.
Na súa intervención, González Formoso agradeceu a confianza da federación autonómica na vila pontesa para acoller esta importante convocatoria. O primeiro edil recalcou que é de xustiza que As Pontes conte cunha competición de tan alto nivel, ante a gran afección que hai na vila polo fútbol sala.
Asemade, quixo recoñecer o papel do Lago Sport á hora de fomentar diferentes propostas deportivas que sitúan ás Pontes no mapa e que permiten fomentar a práctica deportiva de base ao tempo que fan do noso municipio un lugar de referencia e desfrute para visitantes doutros puntos de Galicia.
Tamén houbo verbas de agradecemento da Federación Galega e é que Abraham Yáñez aseguraba que As Pontes sempre é sinónimo de apoio a todo tipo de iniciativa que implique o fomento do deporte de base. De feito aseguraba que é motivo de orgullo contar cun concello que responde ás peticións da Federación Galega, onde o deporte goza de moi boa saúde e que sempre recibe cos brazos abertos calquera das súas propostas. Un agradecemento que Yáñez fixo extensivo ao Lago Sport que sempre colabora con calquera das actividades que chegan dende a Federación.
Pola súa banda, a presidenta do Lago Sport apuntou que a cita deste domingo vai ser unha gran oportunidade deportiva para os xogadores máis novos, ademais dunha ocasión estupenda para promover as virtudes das Pontes como destino de lecer e turístico.
O pavillón municipal da Fraga vai acoller, o domingo, todos os partidos desta fase de cuartos de final da competición autonómica.
Ás 10.00 horas celebrarase o partido de benxamíns entre o Ribeira e o Alto do Vento. Xa ás 11.30 horas comezará o encontro de prebenxamíns tamén entre estes dous mesmos equipos e, dende as 13.00 horas, disputarase o Troula de Betanzos – Gadesport Parrulo benxamín.
Pecharase a xornada, ás 14.30 horas, co Gadesport Parrulo A – Troula de Betanzos prebenxamín.