As Pontes acollerá a reunión anual dos veterinarios especialista en produción apícola

O Concello das Pontes acollerá, os días 6, 7 e 8 de xuño, a VIII Xornada Técnica da Asociación de Veterinarios Especialistas en Sanidade e Produción Apícola (Vespa) tras o seu paso por Madrid, Jerez de la Frontera ou Tenerife, entre outras localizacións.
Durante a presentación desta xornada, na que participaron o presidente da asociación Casa do Mel de Goente, Manuel Ferreira e o veterinario Daniel García, representante de AVESPA, a concelleira de Axenda Urbana, Elena López, e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Rodriguez, o edís puxeron en valor este encontro que "ofrece a posibilidade de reunir a expertos na materia que axudarán aos apicultores e apicultoras das Pontes e da comarca a adquirir novos coñecementos e mellorar o seu traballo para potenciar un sector que representa un modelo de desenvolvemento sostible, que aposta pola biodiversidade, polos produtos de cercanía e que promove o emprego nas zonas rurais".
Esta xornada, organizada en colaboración coa Casa do Mel de Goente e o Concello das Pontes ten como obxectivo reunir aos profesionais do sector coa finalidade de intercambiar coñecementos técnicos e experiencias sobre a sanidade das abellas e a produción sostible de mel.
Así as actividades, que se desenvolverá na Casa do Mel de Goente, comezarán o venres, 6 de xuño coa recepción das persoas participantes e unha cata de mel dirixida a cargo de IXP Mel de Galicia.
O sábado o programa arrincará ás 09.30 da mañá coas conferencias do veterinario Daniel García, que abordará o uso de aplicacións informáticas en apicultura; ao que se sumará Fernando Rieza que falará sobre a inmunidade en abellas. Ao seu remate Esther Rodríguez e Carmen Seijo debaterán sobre sanidade e produción apícola.
Pola tarde, desde as 15:30 h, as persoas participantes poderán visita a aula da natureza da entulleira da mina e, ao remate desta saída Egoitz Galartza ofrecerá unha disertación sobre a importancia dos zánganos, ao que seguirá unha mesa redonda co propio Galartza e tamén co presidente da Casa do Mel, Manuel Ferreira, para rematar coa celebración da asemblea anual de Avespa.
Xa o domingo, 8 de xuño, a partir das 11:00 horas, na Casa do Mel haberá unha xornada formativa para apicultores e apiculturas da comarca e na que participarán Egoitz Galartza, Benigno Basteiro e Manuel Ferreira que virá seguida dunha demostración de inseminación de raíñas.