As Pontes acollerá en abril a IX Ruta Turística, segunda proba do Open de Ferrolterra

O Automóvil Club As Pontes comenza a temporada de eventos 2025 coa organización da IX Ruta Turística Vila das Pontes que se vai celebrar o próximo 12 de abril.
Será a segunda proba do Open Rutas Turísticas Ferrolterra 2025/2026 que vai discorrer por diversas rúas e lugares do concello das Pontes.
As inscricións abren hoxe, sábado, e esta faise cubrindo a folla de inscrición que se atopa no Mesón 7 Camiños e Bar Xambas (Moeche) e na páxina web www.automovilclubaspontes.com. Pecha o período de inscrición o 9 de abril ás 20:00 horas. Esta ten un custo de 60 euros con dereito a cea fin de ruta e de 40 euros sen dereito a cea, podéndose apuntar tamén acompañantes a cea aboando 30 euros por un.
O día 12 de abril a entrega de documentación será na cervexería A Fervenza de Somede, estando situado o parque pechado na praza Poeta Uxío Novoneyra. A saída será rúa Mugardos para realizar os 115 kms (aproximadamente) dos que constan as tres seccións da ruta. O remate estará na Parrillada Pena da Revolta, onde se celebrará a cea fin de ruta.