As Pontes acollerá o Campionato Galego de Seleccións Comarcais de fútbol sala

TerraChaXa
Participarán uns trescentos deportistas pertencentes ás categorías infantil masculina e feminina, alevín masculina e feminina, e benxamín mixta
as-pontes-campionato-galego-seleccions-comarcais
18 Dec 2024

O Concello das Pontes acollerá a vindeira semana a fase final do campionato galego de seleccións comarcais de fútbol sala en categoría de base.

O alcalde das Pontes e presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado pola concelleira de Deportes Elena López; Antonio Leira, deputado responsable da área deportiva da Deputación da Coruña; Abrahám Yáñez, delegado de Ferrol da Federación Galega de Fútbol; e Cristina Maceira, presidenta do Lago Sport de fútbol sala, durante a presentación deste evento deportivo destacou a importancia da organización deste campionato nas Pontes, incidindo en que “desde o Concello sempre apostamos polo deporte de base, como así o demostran tódalas escolas deportivas e as numerosas licenzas federativas que hai actualmente nas Pontes. Ademais As Pontes ten unha gran tradición de fútbol sala e para nós é un orgullo ser anfitrións, xunto co Lago Sport, de tódolos deportistas de base que se van achegar á vila dende toda Galicia a vindeira semana. Novamente As Pontes volve ser o epicentro dun evento deportivo, neste caso de nivel autonómico e unha vez máis saberemos estar á altura do que esixe organizar un campionato tan importante”.

Pola súa banda, o delegado de Ferrol da Federación Galega de Fútbol, Abraham Yáñez, apuntaba que “arredor de trescentos deportistas pertencentes ás categorías infantil masculina e feminina, alevín masculina e feminina, e benxamín mixta van competir o vindeiro luns nos pavillóns de Montecaxado e no Municipal das Pontes. Unha xornada na que se van dar cita os mellores xogadores e xogadoras de Galicia das súas categorías. Pero este campionato non implica só o eido competitivo, xa que tamén ten un compoñente de convivencia. Neste campionato os rapaces e rapazas van poder relacionarse non só durante os partidos se non tamén nas gradas, durante o xantar, e mesmo as familias participan desta convivencia. Por iso agardamos que o campionato sexa un éxito e tamén que este vínculo de colaboración entre a Federación e o Concello das Pontes se siga mantendo no tempo, e poidamos seguir traendo eventos á vila, tanto competitivos como formativos, como xa fixemos en ocasións anteriores”.

Na súa queda de intervención, Antonio Leira quixo agradecer “ao Concello das Pontes e á Federación Galega de Fútbol que poñan o foco no deporte de base, polo que levamos apostando tanto tempo dende a Deputación da Coruña. Por iso quero felicitar tanto ao Concello, como á Federación e ao Lago Sport pola organización desta fase final que seguro que vai estar chea de bos momentos para todos eses rapaces e rapazas que veñen aquí ás Pontes a disputar este torneo tan importante”.

Cristina Maceira, presidenta do club pontés Lago Sport, quixo agradecerlle tanto ao Concello como á Deputación da Coruña e á Federación Galega de Fútbol “o apoio e a confianza depositada no Lago Sport para organizar este torneo. Xuntos estamos construíndo un espazo no que o fútbol sala non é só un deporte se non tamén unha plataforma de integración e desenvolvemento para tódolos habitantes das Pontes. Este torneo é unha excelente maneira de celebrar a proximidade do Nadal; onde as mellores seleccións comarcais de Galicia van competir, animadas polas súas familias dende as gradas. Ademais estamos ante unha oportunidade única de amosar o que As Pontes pode ofrecer; dende unhas instalacións deportivas de primeiro nivel, ata unha contorna privilexiada, como o lago que dá nome ao noso club”.

O campionato galego de seleccións autonómicas de fútbol sala arrincará ás nove e media da mañá do vindeiro luns 23, e rematará xa ás oito da tarde co acto de entrega de trofeos. O pavillón Municipal das Pontes acollerá os encontros das categorías infantil, tanto masculina como feminina, e alevín masculina. Pola súa banda, o pavillón Monte Caxado será o escenario dos encontros das categorías alevín feminina e benxamín mixta.

0.18503880500793