As Pontes acollerá unha nova edición do Campus do Dépor
As Pontes será, de novo, sede dun dos Depor Campus que organiza o R.C Deportivo de La Coruña e que nesta ocasión, chegará a oito localidades da provincia.
Monserrat García, tenente de alcalde; Jesús Tembrás, concelleiro de Mocidade e Deporte e Xaime Castro; presidente do CD As Pontes e Pablo Barros, director dos Depor Campus, presentaron, esta mañá, a convocatoria, dirixida a rapaces de entre seis e catorce anos, na que poderán gozar do seu deporte favorito baixo a supervisión de técnicos do Deportivo de la Coruña ó tempo que aprenden valores como o xogo limpo, o respecto polo rival, o esforzo, a solidariedade e a amizade a través do deporte.
Durante esta presentación, o edil de Deporte agradeceu a ambas entidades deportivas a súa aposta por este tipo de iniciativas e amosou o compromiso do Concello das Pontes para continuar axudando, apoiando e colaborando co deporte de base. Ademais quixo remarcar “o gran traballo realizado, ó longo de todo o ano polo CD As Pontes, a través de todos os seus equipos” e animou ó clube a facelos partícipes desta iniciativa que “non só forma ós rapaces ponteses no ámbito deportivo senón tamén no ámbito social, contribuíndo dun xeito positivo a súa vida futura”.
Pola súa banda, Xaime Castro, presidente do CD As Pontes agradeceu ó Concello o seu compromiso incondicional co deporte e co fútbol, facendo que sexa posible practicalo, en toda a súa extensión e animou a todos os rapaces do municipio a participar nesta iniciativa para aprender a xogar o fútbol divertíndose.
Pablo Barros, director dos Depor Campus, avanzou que esta nova edición contaría con algunhas novidades e así, co obxectivo de afianzar a relación entre As Pontes e o Deportivo de la Coruña barallase a posibilidade de que algún dos participantes no Depor Campus poida ter a oportunidade de adestrar na cidade deportiva do clube coruñés así como o reparto de entradas para que os rapaces poidan asistir a Riazor a presenciar un encontro de fútbol.
O Depor Campus As Pontes desenvolverase nas instalacións deportivas do Poboado, o próximo mes de xullo, entre os días 9 e 13, de 10:00 a 14:00 horas. Para participar é preciso facelo a través do seguinte enderezo http://deporcampus.rcdeportivo.es/es/aspontes-2018/inscribete