As Pontes acollerá unha xornada sobre seguridade alimentaria aplicada á micoloxía

TerraChaXa
A xornada, aberta ao público, busca ofrecer unha visión ampla e rigorosa da relación entre micoloxía, consumo responsable e saúde
xorndas-micoloxia-pouparina
11 Dec 2025

As Pontes será o escenario dunha completa xornada formativa dedicada á seguridade alimentaria no ámbito da micoloxía, que terá lugar este sábado 13 de decembro na Casa Dopeso. O encontro, organizado pola Agrupación Micolóxica Poupariña, reúne especialistas da USC, profesionais da saúde, expertos en gastronomía e referentes do estudo dos cogomelos en Galicia.

A actividade comezará ás 10.00 horas coa presentación institucional a cargo de Valentín González Formoso, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, e de Miño Guarnerio, presidente da entidade organizadora. A continuación, a doutora en Ciencias Biolóxicas Marisa Castro ofrecerá unha intervención dedicada á historia da micoloxía en Galicia, repasando as figuras máis influentes nesta disciplina.

A partir das 10.30 horas, o presidente da Sociedade Micolóxica Lucense, Julián Alonso Díaz, achegará unha análise sobre a seguridade alimentaria no consumo de cogomelos, abordando aspectos como a presenza de metais pesados, radioactividade e lexislación vixente. Pola tarde, entre as 12.15 e as 13.30 horas, celebrarase unha mesa sobre saúde, consumo e lexislación aplicada ao ámbito micolóxico, na que participarán o enxeñeiro técnico agrícola José Mouriño Cuba; o experto en micotoxinas Antonio Díaz Cid; a inspectora veterinaria da Xunta Eugenia Leira Nogales e o propio Julián Alonso Díaz.

A xornada, aberta ao público, busca ofrecer unha visión ampla e rigorosa da relación entre micoloxía, consumo responsable e saúde, nun momento de crecente interese social pola identificación e uso seguro dos cogomelos.

⚙ Configurar cookies
0.077016115188599