As Pontes acolleu unha sesión sobre fondos europeos de transición xusta

TerraChaXa
O alcalde inaugurou a sesión, subliñando que se trata dunha iniciativa “moi relevante para o futuro do noso concello"
xornada-transicion-xusta
11 Feb 2026

O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) celebrou hoxe nas instalacións de SEARA unha xornada técnica destinada a empresarias, empresarios, autónomas, autónomos e emprendedoras e emprendedores da comarca para dar a coñecer en detalle as bases da convocatoria dos Fondos Europeos para a Transición Xusta, a través da que se busca  apoiar ás pequenas e medianas empresas dos concellos afectados polos peches de centrais térmicas —como As Pontes e Meirama— así como de municipios limítrofes e do conxunto da provincia da Coruña, ao tempo que fomenta a atracción de grandes proxectos industriais.

Durante a xornada, as persoas participantes accederon á información técnica sobre os requisitos das convocatorias e puideron resolver dúbidas sobre a súa aplicabilidade aos seus proxectos, co fin de facilitar a presentación de solicitudes axeitadas e competitivas. Cada persoa asistente puido, ademais, consultar o seu caso particular para determinar que tipo de axuda se adapta mellor ás necesidades do seu proxecto, recibindo resposta directa ás súas consultas.

O alcalde das Pontes inaugurou a sesión, subliñando que se trata dunha iniciativa “moi relevante para o futuro do noso concello e dos municipios limítrofes, porque permite impulsar investimentos e apoiar a economía local nun momento clave”. Así mesmo, destacou que estas axudas “nacen dun mecanismo de transición xusta aprobado pola Unión Europea hai catro anos, que establece un fondo de 55.000 millóns de euros para toda a UE, do cal a España recibirá uns 800 millóns e Galicia, en particular a provincia da Coruña por ser a única con centrais térmicas no seu territorio, contará con arredor de 100 millóns de euros”.

González Formoso explicou que “desde o inicio houbo consenso coas administracións locais de que estas axudas tiñan que dar prioridade ás Pontes e Cerceda, xa que son os municipios máis afectados polos peches, que representaban motores económicos e de ingresos tributarios para a comarca. Grazas ás conversas construtivas entre todas as partes, logrouse aprobar unha nova convocatoria de axudas que recoñece esa prevalencia, garantindo unha transición máis xusta para ambos municipios”.

O alcalde engadiu que “esta xornada era tamén importante porque permite explicar de maneira detallada ás empresas os tipos de beneficiarias e beneficiarios, modalidades de préstamo ou fondo perdido, sectores excluídos, prazos de execución, importes mínimos e máximos de financiamento, e resolver dúbidas directamente co equipo que deseñou a convocatoria. Deste xeito, construímos unha transición xusta que antes dependía só do esforzo das persoas empresarias locais”.

Pola súa banda, a directora do IGAPE, Covadonga Toca, animou ás persoas participantes a aproveitar non só as axudas de Transición Xusta, das que As Pontes e Cerceda dispoñen de 40 millóns de euros, senón tamén outras liñas de apoio económico que impulsa o instituto, como préstamos directos, o programa Reacciona, axudas a startups ou achegas para o desenvolvemento de intelixencia artificial en procesos industriais. Toca sinalou que “o máis importante é identificar claramente as necesidades de cada empresa para determinar onde encaixa mellor dentro das 15 liñas de apoio existentes, cun investimento total de 282 millóns de euros”.

Durante a xornada desglosáronse as características de cada convocatoria do programa dos Fondos Europeos de Transición Xusta, explicando o tipo de axuda (concorrencia competitiva ou adxudicación directa), prazos de execución e gastos subvencionables.

Tras a exposición xeral, as persoas asistentes puideron consultar individualmente as súas propostas para identificar a axuda máis adecuada ás súas necesidades, recibindo orientación directa do equipo do IGAPE.

⚙ Configurar cookies
0.088736057281494