As Pontes acomete a última fase da rehabilitación da avenida de Galicia
O Concello das Pontes acometerá, cunha achega procedente do POS 2021 da Deputación da Coruña, a última fase das obras de rehabilitación da Avenida de Galicia, no tramo comprendido entre as rúas Santiago Apóstol e Sergio Rivera Chao.
Os traballos cun orzamento de 233.904 euros, teñen como obxectivo rematar co proxecto de rehabilitación, humanización e mellora da accesibilidade do centro urbano, tras a renovación da Praza do Hospital e a execución das tres primeiras fase da Avenida de Galicia, creando, deste xeito, unha rúa na que os peóns gañan protagonismo.
Así, procederase a eliminar o nivel existente entre a estrada e as beirarrúas mediante a renovación da capa de rodadura do viario e dos aparcadoiros con formigón bituminoso cun acabado impreso e protexido mediante unha capa de resinas.
As beirarrúa realizarase con baldosa prefabricada, coma mesma cor e forma que a empregada nas fases anteriores, executando os accesos ao pasos peonís con baldosas de botóns para aumentar así a seguridade, accesibilidade e comodidade do viario para toda a veciñanza.
Tamén se acometerá a mellora da iluminación coa execución dunha nova canalización eléctrica, a instalación de arquetas e o retranqueo das luminarias para realizar unha nova disposición ao tresbolillo así como a instalación de captafaros led nos pasos peonís.
Ademais levarase a cabo a renovación da rede de saneamento en ambas marxes da rúa, coa execución dunha canalización para recoller a auga pluvial e separala da canalización de augas fecais e acometeranse dous tramos de colectores de pluviais e sumidoiros que se conectarán mediante pozos de rexistro.
As obras finalizarán coa instalación de papeleiras, xardineiras, bancos, alcorques para as árbores existentes e a reposición da varanda existente por unha varanda de aceiro inoxidable que cumpra as condicións establecidas na normativa vixente e a sinalización completa da rúa.