As Pontes acometerá a renovación do alumeado nas súas parroquias

TerraChaXa
Esta actuación, cun orzamento de 128.630 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, ten como obxectivo modernizar o sistema con luminarias solares tipo LED
led-lampada-rua
10 Jul 2025

O Concello das Pontes vén de anunciar a licitación do proxecto de execución das obras de mellora da eficiencia enerxética e redución da contaminación lumínica na rede de alumeado público das parroquias do municipio.

Esta actuación, cun orzamento de 128.630 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, ten como obxectivo modernizar o sistema de iluminación exterior. A intervención suporá a substitución das luminarias actuais por novas luminarias solares tipo LED, que presentan un rendemento enerxético superior aos 125 lm/W e unha vida útil estimada de máis de 50.000 horas.

Estes dispositivos, ademais de permitir un aforro significativo na factura eléctrica municipal, contribuirán á redución das emisións de CO₂, á mellora da calidade ambiental e ao cumprimento das directrices europeas e estatais en materia de eficiencia enerxética e uso de fontes renovables.

A solución técnica proposta conservará, na maior parte dos casos, a localización actual dos puntos de luz, así como os cadros de mando existentes. As novas luminarias estarán equipadas con módulos solares autónomos, baterías substituíbeis cunha duración mínima de cinco anos, paneis solares con vida útil superior a dez anos, autonomía lumínica de 10 horas ou máis e sistemas de programación horaria e por niveis de luminosidade.

Este proxecto responde tamén á necesidade de minimizar a contaminación lumínica, co uso de ópticas e sistemas de iluminación que respectan a normativa ambiental e favorecen a protección da biodiversidade nocturna.

O proxecto inclúe tamén un plan de mantemento específico, co obxectivo de garantir o correcto funcionamento e conservación das instalacións ao longo do tempo, tendo en conta factores como o envellecemento dos materiais, a acumulación de sucidade ou os posibles danos mecánicos.

Desde o Concello das Pontes destácase que esta actuación supón un paso máis no compromiso coa sustentabilidade, a eficiencia enerxética, apostando por tecnoloxías que melloran a calidade de vida da veciñanza e reducen o impacto ambiental das infraestruturas públicas.

As empresas interesadas en participar na licitación poden consultar toda a documentación técnica no perfil do contratante do Concello das Pontes.

⚙ Configurar cookies
0.22871398925781