As Pontes acondiciona o local social de San Pedro de Eume
O Concello das Pontes iniciou, a semana pasada, as obras de acondicionamento do exterior do local social da Asociación de Veciños de San Pedro de Eume.
O proxecto cun orzamento de 46.320€ que será financiado con fondos propios do concello permitirá a execución dun soportal exterior, na parte posterior do edificio que permitirá albergar as diferentes actividades e reunións que levan a cabo no local social.
A cuberta realizarase cun faldón a unha auga que unicamente cubrirá as xanelas da planta baixa da fachada este, manténdose a iluminación desta planta a través da fachada oeste e revestirase con panel sándwich imitación teza que mantén a estética da cuberta existente.
O proxecto tamén contempla a ampliación da soleira e a execución dun acceso encostado ao lateral do edificio para facilitar a accesibilidade a este soportal desde o exterior do edificio sen necesidade de atravesar o interior do mesmo, salvando o desnivel do terreo adxacente á construción.