As Pontes adhírese ao acordo da Fegamp para tramitar as sancións da covid-19

TerraChaXa | LugoXa
O pleno do Concello das Pontes aprobou por unanimidade, adherirse ao convenio asinado pola Fegamp e a Xunta de Galicia para a tramitación das sancións relacionadas cos incumprimentos das medidas relacionadas coa covid-19 que sexan de competencia municipal.
16 Dec 2020

O pleno do Concello das Pontes aprobou por unanimidade, adherirse ao convenio asinado pola Fegamp e a Xunta de Galicia para a tramitación das sancións relacionadas cos incumprimentos das medidas relacionadas coa covid-19 que sexan de competencia municipal.

A través deste convenio o Concello das Pontes recibirá, por parte do Goberno autonómico asistencia técnica e material para a tramitación dos procedementos sancionadores cando o incumprimento sexa no ámbito das competencias municipais, tales como as sancións por incumprir horarios, aforos máximos ou os controis de aglomeracións de persoas, para deste xeito axilizar o procedemento e reducir a carga administrativa.

Desde o Concello apuntan que “o persoal do Goberno autonómico será o responsable de redactar os acordos de incoación, realizar as notificacións de tales acordos coas que se aportarán as cartas de pago e tamén se encargará de elaborar propostas de resolución nos casos nos que non proceda o pago ou cando haxa alegacións. Todo este apoio realizarase sempre baixo a supervisión do concello que se deberá encargar da súa formalización, a través da sinatura dos acordos de incoación ou das propostas de resolución”

O Concello das Pontes por medio deste convenio adquire o compromiso de iniciar, instruír e resolver os procedementos sancionadores e a obriga de remitir á Xunta de Galicia a información precisa para que esta poida executar a súa xestión. O convenio estará vixente ata que se produza o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria en Galicia.

0.14157485961914