As Pontes adxudica a mellora integral da Avenida da Habana entre o número 99 e a rúa Cabanas

O Concello de As Pontes deu luz verde á contratación das obras para renovar servizos e pavimentos na Avenida da Habana, no treito comprendido entre o portal 99 e a intersección coa rúa Cabanas, en pleno centro urbano. O obxectivo pasa por incrementar a seguridade viaria e a comodidade das persoas peóns, ao tempo que se modernizan as infraestruturas básicas desta vía.
A intervención conta cun investimento de 166.538,11 euros con cargo á Deputación da Coruña. O proxecto incorpora unha rede separativa de augas pluviais con canalizacións de PVC de alta rixidez, novos sumidoiros e arquetas, conectando as baixantes existentes ás redes actuais para optimizar a recollida de escorrentías.
No capítulo de iluminación, instalaranse báculos de 7 metros con luminarias LED de estrada e paseo, co fin de reducir o consumo enerxético e mellorar a calidade da luz. O plan contempla tamén a reconstrución completa das beirarrúas con materiais accesibles e acordes coa estética da contorna, ademais da creación dunha plataforma única que facilite a mobilidade peonil.
A calzada recibirá unha capa de aglomerado en quente, deseñada para favorecer o drenaxe cara aos novos puntos de recollida. Complementariamente, colocarase mobiliario urbano como papeleiras e xardineiras de madeira tratada e executarase a sinalización horizontal, con pasos de peóns e prazas accesibles.
Con esta actuación, o goberno local procura avanzar na posta ao día dos espazos públicos e na mellora da accesibilidade, co fin de facer unha vila máis cómoda, segura e amable para quen a habita e a visita.