As Pontes adxudica as obras de mellora da avenida da Habana
O Concello das Pontes adxudicou, esta semana, os traballos, dunha nova fase, de reposición de servizos e pavimentos na Avenida da Habana, nun tramo de 100 metros, á empresa local TYC Canosa S.L.
O proxecto, cun orzamento de 92.880 euros e financiado pola Deputación da Coruña, permitirá mellorar os actuais servizos de iluminación e saneamento e por outro lado a reposición dos pavimentos da beirarrúas.
Así, executarase unha nova rede de recollida de aguas pluviais separativa, nas dúas marxes do viario, que irá dotada dos correspondentes sumidoiros e arquetas. As dúas liñas de augas pluviais conectaranse ás redes existentes, executadas na fase anterior, á altura da rúa Monfero. Por outra banda, sobre a rede de saneamento existente colocaranse arquetas de rexistro nas acometidas dos edificios nas dúas marxes da rúa.
Proxéctase igualmente o cambio do alumeado público, coa instalación de novos puntos de iluminación con tecnoloxía LED, sobre novos báculos dobres de 7 metros de altura.
As obras completaranse coa execución de novas beirarrúas, con bordo prefabricado de formigón e pavimento con baldosas de formigón granallado e os pasos de peóns executaranse con baldosa regulamentaria de botóns e direccional, e a pendente axeitada.
Os traballos rematarán coa dotación de mobiliario urbano e a reposición da sinalización horizontal e vertical.