As Pontes adxudica as obras de mellora na avenida da Habana para reforzar a seguridade e accesibilidade

TerraChaXa
O Concello investirá máis de 166.000 euros, con financiamento da Deputación da Coruña, para renovar beirarrúas, saneamento e iluminación no centro urbano
Avd.-da-Habana--As-Pontes
11 Nov 2025

O Concello de As Pontes vén de adxudicar as obras de mellora de servizos e pavimentos na avenida da Habana, no tramo comprendido entre o número 99 e o cruce coa rúa Cabanas, unha das zonas máis transitadas do centro urbano. A empresa Cholo S.L. será a encargada de executar os traballos, cun orzamento de 166.538,11 euros financiados con fondos da Deputación da Coruña.

O obxectivo principal desta intervención é incrementar a seguridade viaria dos peóns mediante a renovación integral das beirarrúas e a substitución das instalacións de saneamento e iluminación, actuando sobre ambas as marxes da rúa. Entre as actuacións previstas inclúese a creación dunha nova rede separativa de pluviais, con canalizacións de PVC de alta rixidez, sumidoiros, arquetas e elementos de recollida conectados ás redes existentes.

Tamén se renovará a iluminación pública mediante tecnoloxía LED, coa instalación de novos báculos de sete metros e luminarias de estrada e paseo, co fin de garantir un sistema máis eficiente e sustentable. Ademais, reconstruiranse completamente as beirarrúas con materiais de calidade e deseño accesible, adaptados á estética da contorna, incluíndo a creación dunha plataforma única para mellorar a mobilidade peonil.

A calzada será pavimentada cunha nova capa de aglomerado en quente que facilitará a drenaxe da auga cara aos sumidoiros. O proxecto completarase coa instalación de novo mobiliario urbano, como papeleiras e xardineiras de madeira tratada, e coa sinalización horizontal correspondente, que incluirá pasos de peóns e prazas accesibles.

Con esta actuación, o Concello de As Pontes reafirma a súa aposta pola mellora da calidade dos espazos públicos e pola modernización das infraestruturas urbanas, co propósito de facer da vila un lugar máis cómodo, accesible e seguro para toda a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.073107004165649