As Pontes adxudica o servizo de atención temperá
A xunta de goberno local do Concello das Pontes adxudicou o contrato do servizo de atención temperá, cun orzamento de 57.000 euros, a catro empresas locais que prestarán os servizos de logopedia, terapia ocupacional e psicoloxía r días á semana, un total de 15 horas semanais, nas instalacións dunha clínica médica do municipio.
A empresa Su Formación encargarase do servizo de logopedia que comprenderá o diagnóstico e valoración individualizada dos/das menores, o tratamento, orientación e seguimento de cada uno dos casos así como a coordinación cos recursos comunitarios e actuacións de prevención primaria, traballándose na área da comunicación e as súas alteracións coa finalidade de mellorar a linguaxe, a fala, a voz e deglutición.
Lorena Vilaboy, desde o ámbito da terapia ocupacional, intervirá nos aspectos relacionais, lúdicos e funcionais, sendo obxecto deste servizo a intervención coas familias e os/as menores no proceso de rehabilitación nas actividades da vida cotiá, incluíndo o diagnóstico e valoración individualizada, o tratamento, orientación e seguimento así como atención individual e familiar para dotar ás familias de pautas a aplicar co fin de conseguir condutas estimuladoras e educativas.
O servizo de psicoloxía será prestado pola empresa Eume Saúde e estará orientado a ofrecer unha atención integral en todas as áreas do desenvolvemento da poboación infantil, centrándose en aspectos de carácter cognitivo, social, emocional, motor, conductual e da comunicación, permitindo a intervención psicolóxica con familias e menores de 0 a 6 que presentan trastornos de desenvolvemento ou risco de padecelos, levar a cabo un diagnóstico e valoración individualizada. Inclúe ademais tarefas de Información, asesoramento e apoio á familia para ofrecer pautas de actuación co/coa menor, dinámicas familiares e recursos externos que favorezan o desenvolvemento e a calidade de vida das familias.
A totalidade dos servizos prestaranse nas instalacións do centro médico CEMO SAÚDE, adxudicatario do contrato de alugueiro do servizo de atención temperá.
O servizo de atención temperá está dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos que durante período pre, peri ou postnatal, estiveran sometidos a situacións que puidesen alterar o proceso madurativo, como pode ser a prematuridade, baixo peso, a anoxia ao nacer, ou calquera outro factor ou signo biolóxico de risco, así como a menores que presenten retardo ou calquera factor ou signo biolóxico de risco ou discapacidade física, psíquica ou sensorial e menores en situación de risco ou desamparo, sempre que alteren o proceso madurativo.