As Pontes adxudica o subministro eléctrico e logra un aforro de 124.500 euros

TerraChaXa
O contrato, tramitado a través do Acordo Marco da Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), terá unha duración inicial dun ano
led-lampada-rua
13 Jan 2026

O Concello das Pontes vén de adxudicar o contrato de subministración de enerxía eléctrica das instalacións municipais á empresa Iberdrola Clientes S.A.U, unha actuación que permitirá ao Consistorio reducir en máis de 124.000 euros o gasto anual en electricidade.

O contrato, tramitado a través do Acordo Marco da Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), terá unha duración inicial dun ano e un custo de 565.948,46 euros (IVE incluído).

Esta cifra supón un aforro significativo se se compara co gasto real en electricidade rexistrado no ano 2025, que ascendeu a 690.474,57 euros, segundo os datos dos servizos técnicos municipais.

O contrato formalízase a prezo fixo, cunha vixencia dun ano, o que garante a estabilidade do custo do subministro durante todo o período, sen posibilidade de revisión nin prórroga, conforme ao establecido nos pregos do acordo marco.

Esta contratación enmárcase no sistema de compra centralizada da FEMP, ao que o Concello das Pontes está adherido desde o ano 2020. En palabras de Tania Pardo, responsable de contratación, “a licitación do subministro eléctrico municipal é un proceso complexo que require meses de tramitación. Tras un estudo comparativo das condicións ofrecidas polas empresas do mercado, e analizado o concurso nacional impulsado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), optamos por sumarnos a este acordo marco que permite ás entidades locais acceder a prezos máis competitivos e simplificar os procedementos administrativos, garantindo ao mesmo tempo a transparencia na contratación pública”.

Para esta licitación, o Concello cursou en setembro de 2025 a invitación ás empresas adxudicatarias do acordo marco, establecendo como único criterio de adxudicación o prezo, calculado en función dos consumos anuais estimados.

Con este novo contrato, o Concello das Pontes reforza a súa aposta por unha xestión eficiente e responsable dos recursos económicos combinando seguridade xurídica transparencia nos procesos de contratación co aforro económico, “empregando eses cartos que se utilizaban para o subministro eléctrico noutros servizos públicos e necesidades do municipio”, remarca Tania Pardo.

⚙ Configurar cookies
0.072932958602905