As Pontes adxudica obras no centro urbano e nas parroquias por 619.000 euros

TerraChaXa
A xunta de goberno local do Concello das Pontes aprobou na súa sesión a adxudicación de seis obras destinadas a mellorar a accesibilidade e renovar os servizos públicos, tanto no caso urbano como nas parroquias pontesas, por valor de 619.
17 Xan 2019

A xunta de goberno local do Concello das Pontes aprobou na súa sesión a adxudicación de seis obras destinadas a mellorar a accesibilidade e renovar os servizos públicos, tanto no caso urbano como nas parroquias pontesas, por valor de 619.087 euros con cargo ó POS 2018 da Deputación da Coruña.

A empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones será a encargada de executar o proxecto de mellora da accesibilidade na Avenida de Castelao Fase II. Esta actuación cun orzamento de 161.138,68 euros permitirá eliminar o desnivel existente entre a estrada e as beirarrúas, mellorar a iluminación e separar a rede de  drenaxe da rede de saneamento. Esta actuación tamén inclúe a renovación do pavimento do viario, a instalación de mobiliario urbano e a colocación de captafaros leds nos pasos peonís.

O proxecto de mellora do pavimento e servizos da Rúa Narón, cun orzamento 133.824,31 euros será acometido pola empresa Innova Profesional Desarrollos e ten con finalidade incrementar os niveis de funcionalidade, seguridade viaria, accesiblidade e calidade da rúa.

As actuacións previstas, froito dos acordos ós que se chegou cos veciños en diferentes  reunións, teñen como obxectivo prioritario promover a seguridade, a accesibilidade e a mobilidade na rúa evitando a perda de prazas de aparcadoiro. Con tal motivo, procederase a modificar a circulación do viario, que pasará a ser de sentido único, ampliarase o ancho do paso nas beirarrúas e crearase unha banda de aparcadoiro en batería deixando unha praza reservada para as persoas con mobilidade reducida.

Por outra banda, a mellora de pavimentos e servizos no Poboado da Fraga (5ª Fase) suporá un investimento de 126.441,25 euros e os traballos serán realizados pola empresa Gestal y López continuando coa liña das actuacións anteriores. Este proxecto suporá a mellora da pavimentación e dos servizos urbanos de alumeado e saneamento así como a renovación do parque infantil coa ampliación da área de lecer, a substitución do pavimento de caucho e a varanda de protección, e a instalación de novos elementos de  xogo.

Investimento nas parroquias

Entre os expedientes adxudicados tamén se atopa o proxecto de reparación e mellora do firme en Pedrafita e Somede, cun orzamento de 44.754 euros e que será executado pola empresa Francisco Gómez, encamiñado á rehabilitación da superficie dos viarios e ás obras que a acompañan (varrido da superficie, limpeza das marxes e perfilado das cunetas) para aumentar a calidade, a mobilidade e seguridade que precisan este tipo de viarios municipais.

A empresa Canarga será a responsable de acometer as obras de mellora da pavimentación en distintos viarios municipais das parroquias de San Xoán do Freixo e Santa María das Pontes, nos lugares da Casa da Bouza,

Pazos, A Rega, O Torrillón, Garabatos e Gondré, cun orzamento de 86.500 euros. Os traballos permitirán axeitar os viarios para o acceso en boas condicións ós núcleos rurais mediante a substitución do pavimento, a renovación da sinalización e tarefas de limpeza das marxes e cunetas.

Así mesmo, a xunta de goberno local do Concello das Pontes tamén adxudicou á empresa  Saavedra López, por 66.429 euros, o proxecto de instalación de saneamento e mantemento en Marraxón de Arriba, para a montaxe dun colector colectivo, por gravidade, que dará servizo a todas as vivendas do núcleo rural.

Módulos de servizos para o lago e Pontoibo

A xunta de goberno local tamén acordou iniciar o procedemento de contratación da subministración e instalación de catro módulos prefabricados no lago, dous dedicados a baños e duchas e dous a kiosko-bar, de 14,75 metros cadrados cada un, cun orzamento base de licitación de 139.928,08 euros con cargo ó Plan de Servizos e Obras da Deputación.

Montserrat García, tenente de alcalde, apunta que “a través da instalación destes módulos tratamos de ofrecer un maior servizo á veciñanza, acorde coas súas necesidades, substituíndo os baños químicos por unha instalación permanente, sostible, resistente, durable e acorde coa contorna do lago”.

Así mesmo García indica que nun dos módulos se instalará un servizo de biblioteca no que os usuarios do lago poderán ter acceso á lectura de libros, prensa e revistas e que o “Concello sacará a concurso público a concesión da explotación do servizo de quiosco-bar.”

Tamén se aprobou o expediente de licitación, cun orzamento de 112.386 euros, para a subministración e instalación dun módulo prefabricado en Pontoibo, de 130 metros cadrados, para instalacións complementarias de actividades socioculturais.

Trátase, en palabras de Montserrat García “dunha vella demanda dos veciños da parroquia. O módulo instalarase nos terreos adquiridos polo Concello das Pontes para o esparexemento dos veciños e para outros usos públicos que propoña a asociación veciñal”.

O módulo, de madeira e acorde coa estética da zona, albergará aseos públicos, un almacén para dar servizo a calquera actividade que se realice e un espazo cuberto, multiusos, que servirá como refuxio cando se realizan actividades ó aire libre, evitando que teñan que suspenderse con condicións climatolóxicas adversas.

Outros inicios de procedementos de contratación aprobados foron as obras de reposición da capa de rodaxe dos camiños de Caneiro, Adá, Lombo de Afonso, Bidueiro, Seixas, Castiñeiro e Pena do Traste nas parroquias de Aparral e Ribadeume, cun orzamento de 142.450,54 euros e que serán financiadas pola Deputación da Coruña a través do POS 2018; e a reparación e mellora de firme non Pazo, Os Cadavás, Paipaz, Pereira, Porvelo e A Bouza nas parroquias da Faeira, San Pedro de Eume e O Aparral, cun investimento de 179.349 euros con cargo ó POS +2018. Plan Adicional

As obras permitirán a rehabilitación de todos os viarios co obxectivo de dotalos dunha óptima calidade, tanto superficial como estrutural, aumentar a súa comodidade e seguridade para o que se levarán a cabo tarefas de varrido da superficie, limpeza das marxes, fresado dos entroncamentod con outras vías, bacheado e extensión de novas capas de rodaxe, entre outros traballos.

0.068518877029419