As Pontes adxudica obras por máis de medio millón de euros
A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes adxudicou obras por 504.576 euros destinadas á rehabilitación e acondicionamento das vías de comunicación nas parroquias pontesas e a mellorar diversas infraestruturas municipais.
Así, axudicou a Construcciones Siber Ordes S.L a rehabilitación do inmoble situado no número 3 da Rúa da Igrexa, no casco vello do municipio. Esta obra, financiada pola Deputación da Coruña, cun orzamento de 179.896.9 euros, co obxectivo de aproveitar ao máximo o espazo existente, prevé, en cada planta, a creación dunha aula taller e un ámbito multiusos.
Na zona central de cada planta, separando os distintos ámbitos, crearase unha zona que albergará todas as comunicacións verticais do edificio (ascensor e escaleiras), os aseos e as zonas de almacenaxe.
Así mesmo, debido ao estado actual do inmoble, levarase a cabo unha rehabilitación integral da edificación que contempla a instalación de todos os elementos necesarios para dotar ao edificio de electricidade, iluminación, telecomunicacións, evacuación de residuos e recollida de pluviais así como de ventilación, fontanería, calefacción e climatización, apostando por sistemas que potencien o aforro e a eficiencia enerxética.
A empresa Excavaciones Saavedra y López S.L executará as obras de reparación e mellora da área de xogos infantís da Rúa covelos, nas Campeiras. O proxecto, que ten un orzamento de 15.694 euros está destinado a renovar e axeitar a área de xogos da Rúa Covelos coa restauración dos elementos deteriorados e a dotación dun novo elemento de xogo.
Entre os traballos previstos tamén se atopan a reposición do valado de seguridade, delimitando todo o perímetro da área de xogo, seguindo a mesma proposta estrutural e estética dos diferentes parques municipais, e a colocación de portas de acceso e elementos de sinalizacion, tanto nos xogos como no propio parque.
As obras completaranse coa aplicación dunha capa de caucho SBR continuo, que actuará como base, destinada a minimizar o impacto ante posibles caídas para ofrecer a máxima seguridade e protección aos nenos e nenas ante o risco de caídas.
Francisco Gómez y Cía, S.L. levará a cabo os traballos de reparación e mellora de firme en Fragas dos Cregos, O Pazo, Murazoso, Cascalisto, Pedrafita, O Ruño, Badón, Gañidoiras e Somede e Explotaciones Gallegas, S.L as obras de reposición da capa de rodadura en camiños de Espiñaredo, Pontoibo-Covelo, Caneiro, Casas Ermas e Bidueiro.
Estas actuacións, cun orzamento de 308.985 euros con cargo á Deputación da Coruña, inclúen o barrido da superficie dos camiños e a limpeza das marxes e cunetas, coa eliminación da vexetación que invade o vial.
Asemade, procederase ao bacheao das zonas que se atopan afundidas e ao fresado do firme existente para realizar, de forma correcta, o entroque cos otros viais para, a continuación, proceder á renovación da capa de rodadura con formigon bituminosos de 5 centímetros.
Ademais realizaranse outras actuacións de mellora e aumento da seguridade viaria, tales como a reposición da sinalización horizontal, o pintado das liñas nos bordes dos viarios e das sinais precisas segundo marca o código de circulación vixente.