As Pontes adxudica obras por medio millón de euros
O Concello das Pontes aprobou esta semana a adxudicación de tres obras valoradas en 572.582, con cargo á Deputación da Coruña.
Trátase de tres proxectos destinados a mellorar accesibilidade e mobilidade da veciñanza e que permitirán mellorar a calidade, tanto estrutural como superficial, dos viarios e as beirarrúas, apostando polo mesmo modelo executado no centro urbano e nas anteriores fases de actuación nos poboados.
AVENIDA DE ORTIGUEIRA
O Concello adxudicou a segunda fase das obras de mellora de pavimentos e servizos na Avenida de Ortigueira. Un proxecto cun orzamento de 214.886 euros que como obxectivo prioritario continuar mellorando a accesibilidade da rúa, eliminando o desnivel existente entre a estrada e as beirarrúas así como mellorar os servizos de iluminación e saneamento, dándolle continuidade ao proxecto de rehabilitación, humanización e mellora da accesibilidade levada a cabo polo Concello das Pontes no centro urbano.
Entre os traballos previstos inclúense a renovación da rede de saneamento, na súa marxe dereita, e a conexión coas saídas das vivendas e tamén está prevista a execución dunha rede separativa de pluviais, en ambas marxes, coa instalación dos sumidoiros e o recrecido dos pozos de rexistro. Así mesmo, procederase á instalación de alumeado público, un traballo que inclúe a execución da canalización eléctrica, a colocación de cable eléctrico, a eliminación dos farois existentes e colocación de novas luminarias. Ademais no paso peonil instalaranse faros LED para cada sentido de movemento e sinais luminosos de paso de peóns.
A pavimentación da beirarrúa realizarase mediante baldosa prefabricada de cor, executándose o bordo de conexión coa calzada mediante unha fila de lastra prefabricada de formigón mentres que nos pasos de peóns disporase un pavimento diferenciado táctil seguindo a normativa de accesibilidade vixente. Para realizar o afirmado da zona de rodaxe, procederase ao fresado e demolición daquelas zonas onde as dimensións sexan limitadas e continuarase con achega de formigón bituminoso con acabado impreso, tanto na zona de rodaxe como na de estacionamento, protexido cunha capa a base de resinas.
Os traballos concluirán coa instalación de novo mobiliario urbano (papeleiras, xardineiras e bancos) e a reposición da sinalización en toda a rúa.
RÚA CABANAS
O Concello das Pontes tamén adxudicou as obras de renovación de servizos públicos e os pavimentos na rúa Cabanas, un proxecto cun orzamento de 195.452 euros.
Esta actuación permitirá a execución dunha nova rede de recollida de augas pluviais separativa, nas dúas marxes da rúa. Unha rede que irá dotada dos correspondentes sumidoiros, con arquetas de recollida de acometidas das vivendas, e que ten como obxectivo prioritario o control do aporte de augas limpas ao sistema de depuración municipal.
A actuación tamén contempla a execución dunha nova canalización para a iluminación pública, ao longo de toda a beirarrúa dereita, e a substitución da canalización de alimentación desde o cadro xeral a toda a zona para iluminación e comunicación.
Así mesmo procederase á renovación das beirarrúas, seguindo o mesmo deseño empregado noutras rúas, homoxeneizando a estética do centro urbano, apostando pola eliminación das barreiras arquitectónicas nun proxecto de pobo máis funcional, no que toda a veciñanza poida moverse sen dificultades. O pavimento do viario, previa limpeza e rego de imprimación, reforzarase mediante unha capa nova de rodadura de mistura en quente.
As obras completaranse coa instalación de mobiliario urbano; bancos, papeleiras e xardineiras, realizadas en madeira de elondo, vernizado especial e accesorios de aceiro inoxidable. Os traballos rematarán coa reposición da sinalización viaria.
POBOADO FRAGA. FASE VI
Finalmente, o Concello das Pontes tamén adxudicou as obras da sexta fase de mellora de servizos e pavimentos no poboado da Fraga. Un proxecto cun orzamento de 162.244,19€ que ten como obxectivo continuar a liña de actuacións realizadas con anterioridade neste poboado para ofrecer mellores servizos a toda a veciñanza, apostando pola humanización dos espazos urbanos.
Os traballos permitirán a renovación do pavimento das beirarrúas con lastras de formigón recto e a colocación de bordo nos encontros coa estrada mentres que a separación entre a beirarrúa e as zonas verdes realizarase con bordo de xardín, mantendo os criterios estruturais e estéticos das fases anteriores, empregando a mesma tipoloxía de materiais.
Estas actuacións tamén contemplan a substitución do saneamento de augas pluviais por colectores de PVC e a execución das acometidas domiciliarias. Así mesmo procederase á renovación do alumeado público coa colocación de novos báculos e luminarias ao longo da beirarrúa, coa instalación das canalizacións e cabreados necesarios, creándose tamén a canalización para telecomunicacións.
Ademais, entre os traballos previstos, inclúese a instalación de novo mobiliario urbano, bancos e papeleiras, en toda a zona obxecto da intervención.