As Pontes afianza a súa oferta cultural con máis de 6.200 espectadores
As Pontes afianza, un ano máis, a súa oferta cultural cun amplo programa de actividades, entre as que destacan as representacións teatrais, os concertos e os espectáculos de maxia e danza, que lograron congregar a 6.250 espectadores.
Durante o ano 2018, o Concello das Pontes, a través da concellería de cultura, organizou case unha vintena de actividades, axustadas a todos os gustos, pensadas para os públicos de todas as idades e con prezos alcanzables co obxectivo de facilitar á veciñanza o acceso a unha programación de calidade, estable e variada, con espectáculos de grande proxección, tanto nacional como internacional.
O espectáculo Circo de Navidad da compañía La Fiesta Escénica foi a actividade que logrou atraer a un maior número de espectadores. Foron 1.745 as persoas que acudiron a algunha das seis sesións programadas polo departamento de cultura durante o mes de decembro de 2018.
Outro espectáculo que gozou do favor do público, con 790 espectadores, enchendo en dúas ocasións a sala do Auditorio Municipal Cine Alovi, foi Estés donde estés de Cantajuego. Un novidoso formato no que, por primeira vez en España, os espectadores puideron gozar dos tres spin off que daban continuidade á serie “Viva o meu Planeta”.
O departamento de cultura tivo que colgar o cartel de aforo completo para o espectáculo Somos Criminais, interpretado por Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán ó que asistiron 785 espectadores, repartidos en dúas sesión.
Así mesmo, o Concello de As Pontes durante o ano 2018 continuo apostando polo teatro galego, coa estrea das obras Sénior e A Leituga, dirixidas e interpretadas por figuras destacadas do panorama teatral da nosa comunidade autónoma como Antonio Durán “Morris”, Luis Iglesia e Marcos Orsi. A estas funcións asistiron preto de 350 espectadores.
Os concertos tiveron un importante poder de convocatoria. Preto de 1.400 espectadores asistiron ás 10 actuacións musicais programadas, entre as que destacaron as de Treixadura, o concerto tributo a Sabina de La penúltima e a actuación da Vargas Blues Band así como importantes grupos da escena musical como Inmaculate Fools e Depedro.
Por outra banda, o espectáculo de maxia do mago Yunke, Conjuro, e o monólogo Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas de Luís Piedrahita foron dous dos grandes triunfadores da tempada con máis de 320 espectadores e case 400 asistentes, respectivamente.
Mención a parte merece o espectáculo de danza, SON, da compañía Nova Galega Danza, liderada por Jaime Pablo Díaz, director da escola municipal de baile de As Pontes, representado no Polideportivo Municipal e ó que asistiron preto de 400 espectadores.
A concelleira de cultura, Sonia Sueiro, amósase moi satisfeita coa resposta da veciñanza de As Pontes e remarca que estas cifras están en sintonía coa aposta do goberno local pola cultura. “Deseñamos unha programación cultural coa premisa de achegar ós veciños e veciñas da vila espectáculos propios das grandes cidades para, desde xeito, fomentar un acceso universal. A cultura é ocio, é diversión pero tamén é coñecemento e debemos garantir que toda a veciñanza poda achegarse a ela”.
A programación semanal pode consultarse na axenda da página web municipal http://vive.aspontes.org/ así como nos diferentes perfís que o Concello de As Pontes ten nas redes sociais.