As Pontes afronta a recta final das obras do parque de Lesneven

TerraChaXa
O Concello das Pontes afronta a recta final das obras de mellora da accesibilidade do parque de Lesneven e da Rúa Sergio Rivera Chao.
Parque Lesneven
6 Xul 2018

O Concello das Pontes afronta a recta final das obras de mellora da accesibilidade do parque de Lesneven e da Rúa Sergio Rivera Chao.

Desde o goberno local afirman que “as obras de remodelación do parque, que comezaron o pasado mes de outubro, atópanse na súa última fase e está previsto que a mediados do mes de xullo estean completamente finalizadas para o goce de todos os ponteses”

O Concello das Pontes inverteu, ata o momento, un total de 119.315 euros nos traballos de acondicionamento desta zona, cifra que chegará ata os 132.539 euros cando o goberno local execute o proxecto de mellora da iluminación da Rúa Sergio Rivera Chao coa substitución das columnas e luminarias actuais.

A actuación levada a cabo no Parque Lesneven permitiu a creación dun novo paseo, dándolle continuidade ó existente grazas á colocación dunha pasarela de madeira desde a ponte ata a Rúa Rego do Campo así como mellorar o paseo antigo coa aplicación dun tratamento antiescorregadizo para garantir a seguridade dos viandantes e evitar posibles caídas.

Ademais, creouse unha área de descanso mediante un sistema de pavimentos elevados e procedeuse á limpeza do pavimento do interior do parque e das pontes de madeira, labores ás que se suman as actuais tarefas de mantemento e limpeza da ponte de pedra e de colocación de mobiliario urbano na zona axardinada.

Este proxecto de mellora no acceso ó parque, que tiña como obxectivo adecuar a zona para que todos os veciños e, en especial, os usuarios do centro de día puideran facer mellor uso dela, incluíu a remodelación das beirarrúas e pavimentos da Rúa Sergio Rivera Chao, seguindo a folla de ruta proposta polo goberno local para garantir a mobilidade, accesibilidade e calidade de vida de todos os veciños.

Nese sentido, o goberno local subliña que “os traballos acometéronse en resposta á demanda dos veciños, dado que o acceso á zona resultaba complicado, particularmente para os usuarios que presentaban problemas de mobilidade que agora poderán gozar do  entorno sen dificultades”.

0.071264982223511