As Pontes agradece aos seus veciños o seu comportamento durante o confinamento

TerraChaXa
Baixo o lema Volveremos o Concello das Pontes impulsa un vídeo a través do que quere agradecer á veciñanza do municipio o seu comportamento durante o Estado de Alarma e o respecto polas normas de mobilidade e seguridade establecidas polas autoridades sanitarias.
3 Maio 2020

Baixo o lema Volveremos o Concello das Pontes impulsa un vídeo a través do que quere agradecer á veciñanza do municipio o seu comportamento durante o Estado de Alarma e o respecto polas normas de mobilidade e seguridade establecidas polas autoridades sanitarias.

Esta peza, de dous minutos de duración, trata de facer fincapé no resultado que o comportamento da veciñanza terá sobre cada un deles, sobre as súas vidas e en definitiva, sobre todo o municipio, permitíndolles volver a converterse nos protagonistas da vida das Pontes.

Ao longo deste vídeo, poden verse imaxes dos espazos naturais máis emblemáticos das Pontes, das súas pontes, das rúas da Vila ou do Lago. Completan esta peza audiovisual imaxes de eventos deportivos e culturais, da Feira de Fungos Cogomelos, da Feira do Grelo, dos produtos gastronómicos propios da vila (mel, queixo ou mantecadas), do comercio e da hostalaría e das xentes do pobo.

Desde o Concello, apunta que “sería imposible resumir todo o que somos en dous minutos, pero é unha pequena mostra do que conformamos como unidade. Levamos máis de corenta días en confinamento, a partir de mañá estarán permitidos os paseos e o deporte individual ao aire libre. Agora, máis que nunca, non podemos baixar a garda polo que, unha vez máis, lle pedimos a toda a veciñanza que respecten as normas, que sigan as instrucións das autoridades competentes en materia sanitarias para que deste xeito, máis pronto que tarde, As Pontes volva ser o que é: un pobo movido pola súa xente”.

0.18897104263306