As Pontes apoia a 18 emprendedores
O concello das Pontes fixo entrega das axudas municipais do programa As Pontes Emprende para a creación de empresas.
O alcalde, Valentín González Formoso; Ana Pena, responsable da área de Emprego e Juan Carlos Romero, responsable de Industria foron os encargados de entregar estas achegas, cun orzamento próximo ós 50.000 euros, ós 18 emprendedores que, durante o ano 2017, puxeron en marcha as súas propias empresas no municipio.
Entre os proxectos que se beneficiaron desta liña de axudas municipais atópanse comercios, empresas hostaleiras, axencias de viaxe e seguros, centros de formación, empresas de relacións públicas, de creación artística e un centro hípico, entre outros.
Estas novas empresas súmanse ós 30 negocios que, durante os dous últimos anos, viron a luz no municipio e ós que o goberno local impulsou con preto de 80.000 euros permitindo, ó mesmo tempo, a creación de 57 postos de traballo.
Durante este acto, González Formoso fixo fincapé no compromiso do Concello das Pontes para continuar coma mesma liña de traballo, “desde o goberno local adoptaremos, dentro das nosas competencias, todas as medidas oportunas para fomentar a capacidade creativa e emprendedora dos nosos veciños. Son unha fonte de riqueza e un elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido empresarial de As Pontes polo que seguiremos apostando polos emprendedores e as pequenas empresas que contribúen ó sostemento da economía local e que xeran centos de postos de traballo.”
O programa As Pontes Emprende, posto en marcha dende o Concello no ano 2015, consta de dúas liñas de axuda; Impúlsate e Instálate. A primeira está dotada cun importe máximo de 2.000 euros e ten por obxecto contribuír a sufragar os gastos de material e inversión para o axeitamento do local e posta en marcha do negocio. A segunda liña, tamén cunha dotación máxima de 2.000 por beneficiario está encamiñada a facer fronte os gastos de alugueiro do local.
O edil de Industria tamén quixo remarcar que desde o Concello xa se traballa nun novo paquete de achegas para incentivar a creación de novos proxectos empresariais e acompañar ós veciños no reto do emprendedurismo xa que xogan un papel fundamental na dinamización de As Pontes, actuado como un vertebrador económico da vila.