As Pontes aproba a licitación das obras de mellora da estrada en Paipaz e As Gañidoiras

O Concello das Pontes vén de aprobar o expediente de licitación das obras de reparación e mellora do firme en Paipaz e As Gañidoiras, cun orzamento total de 66.579,07 euros.
A actuación desenvolverase en varios viarios situados en dous núcleos rurais do municipio, concretamente nas parroquias de Ribadeume e San Pedro de Eume. O obxectivo principal destas obras é mellorar o estado dos camiños, tanto a nivel superficial como estrutural, co fin de garantir unha maior comodidade e seguridade para a veciñanza.
Os traballos previstos inclúen, en primeiro lugar, actuacións de limpeza e acondicionamento, como o varrido das superficies e a limpeza das marxes. Tamén se levarán a cabo intervencións nos entronques con estradas existentes, onde se fresará ou demolerá o firme actual para asegurar unha correcta unión cos novos pavimentos.
Nas zonas máis deterioradas realizarase unha regularización previa do firme e procederase á reparación de fochas, co obxectivo de preparar a superficie para a nova capa de rodaxe.
O afirmado dos camiños consistirá na extensión dunha capa de cinco centímetros de mestura bituminosa, que permitirá mellorar notablemente a resistencia e durabilidade do pavimento. Ademais, aplicarase un rego de adherencia para garantir unha correcta unión entre o firme existente e o novo.
Por último, o proxecto inclúe a renovación da sinalización horizontal, coa pintura de liñas de bordo nos tramos actuados, así como a colocación de sinais de STOP nas interseccións e o correspondente marcado no pavimento.
Con esta intervención, o Concello das Pontes continúa avanzando na mellora das infraestruturas viarias no rural, contribuíndo a reforzar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza.