As Pontes aproba a licitación das obras do firme do porto do Liño
A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou, a semana pasada, o expediente de licitación das obras de mellora do firme en Porto do Liño, na parroquia da Faeira.
Este proxecto, cun orzamento base de licitación de 30.990,93 euros, con cargo á Deputación da Coruña, permitirá a rehabilitación do camiño municipal para dotalo dunha óptima calidade, tanto superficial como estructural, conseguindo deste xeito mellorar a seguridade viaria.
Os traballos previstos contemplan o barrido da superficie e a limpeza das marxes. Nos entroques coa estrada existente fresarase o firme para rematar correctamente a reparación realizada mentres que naquelas zonas onde a estrada se atope afundida realizarase o bacheado previo.
Así mesmo, executarase unha nova capa de rodadura de cinco centímetros de formigón bituminoso. As obras rematarán coa reposición da sinalización horizontal.