As Pontes aproba os proxectos do POS por valor de dous millóns de euros
O Concello das Pontes aprobou hoxe, por unanimidade, os proxectos financiados pola Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos (POS 2022) que suporán un investimento de 2.003.168 euros.
A achega da Deputación da Coruña inclúe tres partidas, unha de 416.456,44 euros correspondente á achega provincial do ano 2022, outra correspondente á achega do 2021 cunha contía de 470.313,69 euros e unha última partida de 1.116.389 euros correspondente ao POS Complementario 2022, que permitirán executar 15 proxectos que seguen a folla de ruta marcada polo goberno municipal para mellorar a calidade de vida da veciñanza e renovar e ampliar os servizos públicos do municipio.
O executivo local indicou que se tratan de actuacións “ que responden ás demandas da veciñanza e que permitirán seguir avanzando na renovación estructural e estética da contorna urbana e impulsando os servizos e infraestruturas nas parroquias”
A través da achega provincial 2022 para o financiamento e subministracións vanse levar a cabo tres actuacións entre as que se atopan a reposición de servizos e pavimentos na Avenida da Habana (do número 76 ao número 99) cun orzamento de 147.774,48 euros, tamén se executará a reposición de servizos e pavimentos na rúa Cabanas, proxecto valorado en 195.452,11 euros e levarase a cabo a pavimentación de viais na parroquia de San Xoán do Freixo (pista do Bidueiro e Camiño de Vilarmaior), un orzamento de 73.229.85 euros.
Por outra banda, da asignación da achega do ano 2021 destinaranse 191.270 euros á mellora da pavimentacion e servizos na rúa Anduriñas e traslado da marquesina existente á rúa Camelias, adicaranse 214.886,57 euros á mellora de pavimentos e servizos na Avenida de Ortigueira (Fase II). Así mesmo investiranse 38.028 euros namellora do pavimento nos camiños de Alvarón, Marraxón e Casas Hermas.
POS COMPLEMENTARIO
O pleno municipal tamén aprobou o POS Complementario, que suporá un investimento de 1.116.389 euros euros que se destinarán a nove actuacións entre as que se atopan a mellora de servizos e seguridade viaria na marxe dereita da AC 564, ao seu paso por Goente, cun orzamento de 150.658 euros así como a creación dunha pista multideporte no Poboado da Magdalena e a mellora da contorna, proxecto valorado en 181.427 euros. Destinarase así mesmo unha partida de 116.330 euros á renovación da pavimentación e mobiliario urbano na Avenida das Campeiras (Fase I)
Unha partida de 116.145 euros destinarase ao proxecto básico e de execución de renovación de pavimento e melloras de utilización na Rúa Real (1ª fase) e outra de 155.670 euros irá encamiñada á mellora da beirarrúa e dos servizos na marxe dereita da rúa Rego do Muíño mentres que 103.134 euros irán destinados ao proxecto básico e de execución de mellora de servizos e pavimentos na Rúa A Balsa (fase 1º).
Investiranse 34.389 euros na reparación e mellora do firme en Gondré e o Castro e procederase á reparación e mellora de firme nas Gañidoiras, O Vilar e Os Cadavás-Paipaz, traballos orzamentados en 134.944 euros. Ademais adicaranse 123.689 euros ao asfaltado dos viarios en Cancelas, Poupariña, Esvedral, Penapurreira e Ramallal-A Louseira.
POS + ADICIONAL
O pleno tamén aprobou por unanimidade, o POS ADICIONAL 2022 para gastos extraordinarios do exercicio 2022, por valor de 145.759 euros, dos cales 127.000 euros serán destinados a gasto corrente da área de servizos sociais e que permitirán a contratación, a xornada completa, dunha traballador/a social, para reforzar o departamento, apoiar á tramitación urxente das prestacións de dependencia e axilizar a atención social aos veciños e veciñas que están en risco de exclusión social. Tamén permitirán reforzar a partida económica das axudas de emerxencia social.
O resto da achega irá destinada a investimentos, motivado pola necesidade de adquirir equipamento técnico asistencial (camas articuladas, colchóns, cadeiras de baño, grúas, etc.) para reforzar o banco de préstamo municipal de produtos de apoio ás familias pontesas con familiares dependentes.