As Pontes aproba un orzamento de 1,28 millóns de euros do POS da Deputación

O Pleno do Concello das Pontes aprobou a participación no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+ 2026) da Deputación Provincial da Coruña, a través do que Concello contará cun financiamento total de 1.383.737,23 euros.
A totalidade desta contía destinarase ao financiamento de gasto corrente municipal, co obxectivo de reforzar os servizos públicos básicos, conforme á proposta formulada pola Intervención municipal.
O Pleno aprobou tamén o Plan Complementario POS+ 2026, que recolle un conxunto de 8 obras por un importe total de 1.485.395,46 euros. Estas actuacións céntranse fundamentalmente na mellora de pavimentos, servizos urbanos e vías públicas, tanto no núcleo urbano como nas distintas zonas do municipio, co obxectivo de manter en condicións axeitadas as infraestruturas existentes e reducir custos futuros de mantemento.
Entre as actuacións previstas inclúense a renovación de pavimentos e mobiliario urbano na Avenida das Campeiras, cun investimento de 168.398,45 euros; a mellora de servizos e pavimentos na Avenida de Lugo, no tramo comprendido entre os números 21 e 45, cun orzamento de 165.341,15 euros; a mellora de pavimentación e servizos na Avenida de Vilalba, cun investimento de 376.287,08 euros.
Tamén se inclúe a reparación e mellora do firme en Gondré e O Castro, por importe de 55.283,85 euros; a pavimentación da pista do Bidueiro, no seu tramo terceiro ata o cruce do Caxete, cun orzamento de 74.200,00 euros.
Así mesmo permitirá executar a reposición de servizos e pavimentos na Avenida da Habana, no tramo do Barreiro, cun investimento de 286.731,46 euros; a mellora de servizos e pavimentos na rúa Presa de Alende, con 239.359,21 euros; e o proxecto de mellora de servizos e pavimentos na rúa da Balsa, na súa segunda fase, cun orzamento de 119.794,26 euros, configurando no seu conxunto un plan global de mellora do espazo público municipal.