As Pontes arranca as sesións informativas para presentar o plan de emerxencias da presa da Ribeira

O Concello das Pontes iniciou unha rolda de encontros informativos coa veciñanza para presentar o plan de emerxencia da Presa da Ribeira.
Así, o concelleiro de Medio Ambiente, acompañado por representantes do Servizo de Emerxencias da Xunta de Galicia, Augas de Galicia e Endesa, deron a coñecer este plan que ten como obxectivo controlar, previr, alertar e protexer á veciñanza das Pontes no caso dunha posible rotura da presa e que será implantado a través de diferentes actividades entre as que se inclúen accións de formación para persoal técnico, un plan de comunicación cara a opinión pública e diversas charlas informativas dirixidas a diferentes colectivos e entidades da vila.
Durante a presentación detalláronse os contidos deste plan de emerxencia, como os servizos de vixilancia e control da presa, as posibles zonas afectadas no caso dunha posible rotura da presa e posterior inundación, así como os sinais acústicos que soarán en caso de emerxencia, ou os puntos de encontro para os veciños e veciñas que se viran afectados por un posible asolagamento.
Tamén se amosou un vídeo explicativo que nos vindeiros días se distribuirá a través das diferentes redes sociais do Concello no que se detalla máis polo miúdo todo o contido relevante para a cidadanía en canto a que facer no caso dunha posible emerxencia.
Así mesmo, tamén se presentou o material gráfico (cartelaría e trípticos informativos) que se fará chegar á cidadanía para que poidan consultar os aspectos máis importantes do plan de emerxencia da presa da Ribeira.