As Pontes arrinca en novembro o reparto de composteiros con sesións de formación para fogares

TerraChaXa
O Concello abre inscricións e ofrecerá un composteiro de balde, ademais de asesoramento técnico, nun programa cofinanciado pola Xunta e o Plan de Recuperación
AS PONTES compostaxe
7 Nov 2025

O Concello de As Pontes pon en marcha este mes unha nova campaña de compostaxe doméstica co obxectivo de mellorar a xestión dos biorresiduos nos fogares e afondar en hábitos sostibles no municipio. A primeira cita será o luns 10 de novembro, ás 17.00 horas, no Lar, cunha sesión informativa na que se explicarán os pasos para iniciar a compostaxe na casa e se entregarán os primeiros composteiros ás persoas inscritas.

A iniciativa está dirixida a veciños e veciñas con pequeno terreo, que poderán transformar os restos orgánicos en abono natural para horta e xardín, reducindo así a cantidade de lixo que chega ao colector e avanzando cara a unha economía circular máis eficiente en As Pontes. O programa inclúe a entrega dun composteiro de balde, formación práctica e acompañamento técnico, para garantir unha posta en marcha correcta e resolver dúbidas durante o proceso.

O Concello anuncia que nas vindeiras semanas haberá novas sesións en distintos puntos do termo municipal, que se comunicarán polos canais oficiais. A inscrición permanece aberta: as persoas interesadas poden consultar toda a información actualizada na web 'aspontes.ocaminosostible.gal', chamar ao 647 521 464 ou escribir ao correo 'info@ocaminosostible.gal'.

A campaña conta co apoio da Xunta de Galicia e financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e enmárcase na aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, que implique á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

⚙ Configurar cookies
0.071976900100708