As Pontes: As fragas da Ribeira e do Lostegal
Un roteiro circular de 19 quilómetros que percorre un dos espazos naturais máis relevantes da provincia da Coruña.
N
a localidade das Pontes atópase o roteiro de sendeirismo PR-G 147 As Fragas da Ribeira e Lostegal que é un roteiro circular de 19 quilómetros e de dificultade media debido a que ten continuas, aínda que pequenas, ramplas de subida e baixada, pero que se superan sen problemas.
O carreiro está ben sinalizado e non ten dificultades para seguirse xa que gran parte do percorrido ademais transcorre pegado ao encoro da Ribeira. O tempo no que se pode facer o roteiro é aproximadamente de seis horas e media.
Pode percorrerse en calquera sentido, e o inicio está no parque do Eume situado á beira do Poboado do Barreiro, pero si se comeza en sentido contrario ás agullas do reloxo afrontarase a máxima pendente ao inicio e con plenitude de forzas.
Comezando no Parque da Fraga subirase ata o monte Alto da Carballeira a 667 metros dende onde pódese divisar unha magnífica paisaxe da vila e do recentemente formado lago das Pontes.
No descenso a senda penetra na Fraga do Lostegal e unha densa mata de carballos, acivros e loureiros acompañará ata o encoro.
Dende aquí, a paisaxe alcanza o seu apoxeo xunto ás ruínas inundadas do lugar de Chao do Habanero, para atravesar despois a exuberante natureza da Fraga da Ribeira, con húmidos recunchos plenos de verdor todo o ano, fermosas fervenzas, regatos, e unha ampla variedade de flora e fauna.
O sendeiro rematará de novo na ponte de madeira do parque do Eume.
Resaltar que a seguridade do sendeiro varía segundo a época do ano e das condicións meteorolóxicas. Co chan mollado as superficies de roca son moi escorregadizas sendo necesario extremar as precaucións.