As Pontes asina un convenio co COAG para rehabilitar as prazas de América e do Barreiro
O Concello das Pontes asinou na sede da Asociación de Veciños 25 de xullo, un convenio de colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para a convocatoria dun concurso de ideas do que xurdirán os proxectos de rehabilitación da Praza de América e a Praza do Barreiro.
Mediante a sinatura deste acordo, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a través da súa delegación en Ferrol, asumirá as tarefas da redacción do prego das bases que rexerán o concurso de ideas, dando a oportunidade ao sector para participar activamente no desenvolvemento das ideas e garantindo a viabilidade dos proxectos.
O Concello das Pontes, a través da convocatoria deste concurso de ideas, busca, dada a importancia urbanística e social de ambos espazos, obter o maior número de solucións urbanísticas posibles para, deste xeito, poder realizar unha avaliación máis completa e optar, finalmente, por aquelas ideas que mellor se axusten ás demandas e necesidades dos veciños de As Pontes, tanto desde o punto de vista estrutural como funcional e estético.
En ambos casos, o obxectivo do executivo local é dotar a ambas as zonas de maior protagonismo, apostando por mellorar a accesibilidade e a funcionalidade das prazas, racionalizando a distribución dos espazos para, principalmente, recuperar o seu uso como lugares de encontro, de lecer e esparexemento de toda a veciñanza e para recobrar o papel que tiveron noutras épocas.
Estas actuacións ademais, permitirán ao Concello das Pontes continuar co seu proxecto de rehabilitación urbanística, concedendo maior importancia aos peóns e apostando por mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas do pobo.