As Pontes asiste á reunión co secretario do Estado para impulsar o turismo sostible
A concelleira de Turismo das Pontes, Elena López, participou en Ferrol nun encontro co Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, no que tamén estiveron presentes representantes dos concellos das comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal así como a subdelegada do Goberno, María Rivas.
Este encontro tiña como obxectivo prioritario poñer en común os proxectos que están en marcha e avanzar programas de futuro para de impulsar un modelo de turismo sostible nas tres comarcas, que en palabras do secretario de Estado “representan unha alternativa de futuro para estas terras, que son industria, pero tamén turismo, patrimonio e historia”
Así o goberno central ten previsto realizar un investimento tres millóns de euros, procedentes dos fondos europeos Next Generation, investimento co que se quere poñer en valor recursos como o parque natural de Fragas do Eume ou o proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.
No caso da comarca do Eume cun orzamento de 1,5 millóns de euros, financiaranse actuacións para mellorar as zonas de aparcamento e facilitar a mobilidade do visitante, crear unha área de servizo para autocaravanas e levantar unha estación náutica e un centro de ciclismo BTT no lago das Pontes.
Tamén se desenvolverá unha páxina web, aplicacións informáticas e solucións tecnolóxicas para mellorar a dixitalización do destino e poñeranse en marcha novas accións de promoción e marketing turístico.
O segundo proxecto, tamén cun orzamento de 1,5 millóns de euros, ten como obxectivo desenvolver un produto turístico especializado baseado no xeoturismo e enmarcado na candidatura a Geoparque Mundial da Unesco.