As Pontes celebra a gran final dos concursos gastronómicos do programa As Pontes, Terra de Cogomelos

TerraChaXa
Foron escollidas catro receitas e os trofeos artesanais entregados nesta edición foron elaborados polo torneiro local Sergio Picos
ganadores-terra-de-cogomelos
1 Dec 2025

As Pontes converteuse na capital galega da Terra dos Cogomelos Comestibles coa celebración da gran final dos concursos de receitas incluídos no programa municipal As Pontes, Terra de Cogomelos. Durante máis de tres horas, profesionais e afeccionados da gastronomía ofreceron un encontro culinario de alto nivel nas instalacións da asociación A Choupana, que acolleu esta cita marcada polo talento, a creatividade e a paixón polos cogomelos.

O público puido gozar dunha ampla variedade de elaboracións, desde propostas doces ata salgadas, con receitas tan diversas como Renacer do bosque galego, Textura suave de portobelo con perla de yema curada y teja de jamón, Shiitake con pato marinado e molho de vaca, Macaróns, Boletus con cantarelos, chocolate e abelá, Tosta de embutido de mans de porco e níscaros con rulo de cabra e marmelada de figos, Sushi de setas ou Explosión de shiitake, entre outras. Foi un auténtico festival micogastronómico que impregnouse de aromas, innovación e poesía culinaria.

Ao remate da xornada déronse a coñecer as catro receitas gañadoras desta edición. Na categoría amateur doce, o premio foi para Mónica Gómez, das Pontes, coa súa Explosión de shiitake. Na modalidade amateur salgada, o gañador foi Alejandro Calvo, da Coruña, con Parmentier de parmesano con níscaros salteados e ovos de codorniz. Entre os profesionais, Rafael Rivas, de Vigo, levou o recoñecemento á mellor receita doce polos seus Macaróns, mentres que Fabián Rondón, de Santiago de Compostela, venceu na categoría salgada con Renacer do Bosque Galego.

Os trofeos artesanais entregados nesta edición foron elaborados polo torneiro local Sergio Picos (ComeLuz). O Concello tamén expresou o seu agradecemento á asociación A Choupana pola cesión das súas instalacións e ao xurado composto por Ricardo Gabeiras, da Asociación Micolóxica Poupariña, Cristina Fustes, de 7 Camiños, e Mari Cruz Lois, de Delapiccola, polo seu criterio e dedicación.

Nos vindeiros días publicarase un receitario dixital que recollerá 31 receitas participantes nesta edición, como mostra do enorme talento culinario arredor dos cogomelos. Desde a organización destacouse que o evento non só celebrou a gastronomía, senón tamén a comunidade, a tradición e o orgullo polo monte que definen a identidade de As Pontes e de toda Galicia, auténtica terra de cogomelos.

⚙ Configurar cookies
0.10678100585938