As Pontes celebra o Día de Rosalía cunha actividade gastronómica

A Biblioteca das Pontes celebrará o Día de Rosalía de Castro coa actividade gastronómica Caldo de Gloria, unha proposta impulsada pola Fundación Rosalía de Castro para render homenaxe á escritora a través da tradición popular e a cociña. Será este domingo, ás 12.30 horas.
Nesta xornada especial, convidarase aos asistentes a coñecer a figura da autora, a recitar fragmentos da súa obra e a degustar un caldo tradicional galego, recibindo tamén como obsequio un mantel do Caldo de Gloria creado para esta ocasión pola Fundación Casa Museo Rosalía de Castro.
Esta proposta gastronómica parte desde a tradición, ao estar inspirada no poema Miña casa, meu lareira, no que Rosalía describe con sensibilidade e realismo a elaboración dun humilde caldo, símbolo de resiliencia e esperanza.
A actividade, organizada pola asociación A Choupana, está aberta a todo o mundo que queira participar nesta celebración cultural que une literatura e gastronomía en honra dunha das figuras máis emblemáticas da literatura galega.