As Pontes celebra o Día Internacional do ioga

TerraChaXa
O concello das Pontes súmase, por primeira vez, á celebración do Día Internacional do Ioga.
20 Xuño 2018

O concello das Pontes súmase, por primeira vez, á celebración do Día Internacional do Ioga. Será o 21 de xuño, a partir das 19:00 horas, no Parque Municipal, cunha clase ó aire libre, de balde, na que poderán participar todas as persoas que o desexen.

O obxectivo desta actividade, dirixida por unha profesora titulada e que terá unha duración aproximada de dúas horas, é achegar ós veciños á experiencia da práctica do ioga para que poidan coñecer, de primeira man, algúns dos beneficios que esta disciplina ten no corpo e na mente.

Esta clase dividirase en tres partes, tras a presentación inicial traballarase a parte física a través do Hatha, unha modalidade do ioga baseada na práctica de asanas ou posturas corporais e movementos lentos e suaves que permiten mellorar a firmeza e elasticidade muscular.

A continuación haberá unha práctica de relaxación guiada na que os asistentes aprenderán a descansar o corpo e a mente así como a reducir a tensións e os niveis de ansiedade. A clase rematará cun pequeno contacto coa meditación, a través dunha práctica guiada baseada na respiración.

Desde o Concello das Pontes animan a todos os veciños a sumarse a esta iniciativa e gozar dunha oportunidade única para probar os beneficios da práctica do ioga ó aire libre, nun entorno tan especial como o parque municipal.

Esta actividade está aberta a todos os ponteses, pode ser realizada por calquera persoa e a calquera idade polo que poden tomar parte as familias ó completo, tanto adultos como nenos. Recomendase acudir con roupa cómoda e unha esterilla para tombarse.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou, o 11 de decembro de 2014, a proposta da India, declarar o día 21 de xuño como o Día Internacional do Ioga, coincidindo co solsticio de verano. Desde entón se celebra en máis de 170 países en todo o mundo co obxectivo de animar ós cidadáns a adoptar decisións máis saudables e modos de vida que propicien a boa saúde a través dunha disciplina que non só propón un benestar físico senón tamén a práctica de valores éticos, virtudes mentais e meditacións que contribúen a creación dunha maior calidade de vida.

0.19511985778809